Cultura

Os Rolling Stones, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel"

A exposición, inaugurada por, Manuel Baltar, e o propietario da colección, Alberto Sánchez-Runde, permanecerá aberta ata o 18 de outubro

Óscar Gómez

Ourense | 04.09.2020 08:43 (Publicado 04.09.2020 08:42)

Manuel Baltar e Alberto Sanchez na inaguración
Manuel Baltar e Alberto Sanchez na inaguración | Deputacion de ourense

O centro cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense acolleu esta tarde a inauguración da exposición “Rolling Stones collection Sánchez-Runde”, unha mostra que percorre a historia desta mítica banda de rock a través de 400 obxectos, como carteis, discos, libros, instrumentos musicais e diverso material pertencente á colección de Alberto Sánchez-Runde, quen comezou a compilar obxectos sobre a banda á idade de 12 anos.

A exposición, que se inaugurou esta tarde coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e do coleccionista, permanecerá aberta ata o vindeiro 18 de outubro. Trátase, como dixo Baltar, “dunha mostra que amosa a traxectoria da banda máis lonxeva da historia do rock and roll e tamén a paixón polo coleccionismo de Alberto Sánchez-Runde, quen conseguiu co esforzo de moitos anos compilar unha colección das máis importantes do mundo sobre os Rolling Stones”, un grupo ao que cualificou como “a banda sonora do século XX e de boa parte do que levamos de século XXI”.

Alberto Sánchez-Runde agradeceu ao presidente Baltar, á Deputación de Ourense e ao grupo La Región “poder traer a Ourense a colección, pois esta é a primeira vez que se pode contemplar practicamente ao completo”. A mostra, desenvolvida coa colaboración da Deputación de Ourense, La Región e a Ourense ICC Week, chega á capital ourensá logo do éxito acadado en Ibiza, onde rexistrou centos de visitantes diarios.

Sánchez-Runde explicou que a colección naceu cando, de neno, lle regalaron o disco “Aftermath". A partires de entón foi facéndose con multitude de obxectos dos Rolling Stones, entre os que destacan xoias como unha guitarra asinada por Ron Wood, estrela da colección, ou o vinilo de" Sticky Fingers", cunha portada asinada por Andy Warhol. Os Rolling Stones iniciaron a súa andaina nos anos 60 do século pasado da man de Mick Jagger, Keith Richards, Bill Wiman e Charlie Watts, uníndose ao longo da súa longa historia talentos comoBrian Jones e Ron Wood, toda unha traxectoria que ata o vindeiro 18 de outubro pode contemplarse nos máis de 400 obxectos desta exposición que acolle o centro cultural “Marcos Valcárcel”.