Xunta de Goberno

A Deputación aproba máis de 110.000 euros en axudas ao emprendemento feminino

A segunda resolución de EmprendOU en feminino concede 24.725,25 euros a 27 emprendedoras de dez concellos; A Veiga recibe 40.000 euros para o funcionamento do GES e seis entidades contarán con 46.500 euros.

Onda Cero Ourense

Ourense |

A Deputación aproba máis de 110.000 euros en axudas ao emprendemento feminino
A Deputación aproba máis de 110.000 euros en axudas ao emprendemento feminino | Deputación de Ourense

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou 11 asuntos, entre os que destacan axudas por un importe total de 111.225,25 euros destinadas ao mantemento do emprendemento feminino, á atención ás emerxencias e á colaboración co tecido asociativo da provincia. O presidente provincial, Luis Menor, deu conta dos acordos nunha rolda de prensa na que tamén explicou a adxudicación das asistencias técnicas para os plans de actuación integrados (PAI) Ourense Sur e Valdeorras polos Camiños do Sil.

“Queremos unha Deputación útil para os concellos e para as persoas, capaz de responder ás necesidades de hoxe e de preparar os proxectos que Ourense precisa para os próximos anos”, afirmou Menor, quen situou a cooperación municipal, o apoio á actividade económica e a colaboración coas entidades como prioridades da institución.

A segunda resolución de EmprendOU en feminino, a convocatoria de 2026 para o mantemento do emprendemento feminino, concede 27 axudas de 915,75 euros cada unha, que suman 24.725,25 euros.

As beneficiarias desenvolven a súa actividade en Ourense, Barbadás, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Verín, Maceda, Porqueira, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía e Allariz. Os proxectos abranguen sectores como o comercio, a hostalaría, os servizos persoais e profesionais, a educación, o transporte de mercadorías, a construción, a reparación de vehículos e a cunicultura.

Menor salientou que a finalidade do programa é “apoiar as mulleres que xa deron o paso de emprender e acompañalas no mantemento da súa actividade”. Neste sentido, subliñou que consolidar un negocio require apoio á súa continuidade, nunha provincia na que cada iniciativa empresarial contribúe a xerar actividade e oportunidades no territorio.

Asistencia técnica para a execución dos PAI

No apartado administrativo, adxudicáronse as asistencias técnicas dos PAI Ourense Sur e Valdeorras polos Camiños do Sil a Estrategia y Organización, S.A., por 101.011,78 euros cada contrato, sen IVE. Estes importes corresponden a contratos de servizos e son independentes dos 111.225,25 euros en subvencións.

As asistencias prestarán apoio especializado á execución, seguimento e xustificación dos plans, así como ao cumprimento das obrigas de control, información e publicidade vinculadas aos fondos europeos.

Menor lembrou que os PAI agrupan actuacións de varios concellos arredor dunha estratexia compartida de desenvolvemento, coa Deputación á fronte da coordinación administrativa e financeira. O investimento vinculado ao financiamento europeo supera os 14,5 millóns de euros entre ambos os programas, e a institución provincial mantén o compromiso de elevalo ata os 10 millóns en cada plan.

Ourense Sur abrangue Barbadás, San Cibrao das Viñas e O Pereiro de Aguiar, con actuacións de mobilidade sostible, recuperación ambiental e mellora dos equipamentos e servizos. Entre elas figuran sendas peonís e ciclistas, a recuperación da contorna do Barbaña e equipamentos sociais, deportivos e culturais.

Valdeorras polos Camiños do Sil implica os nove concellos da comarca e céntrase na cooperación municipal, a mellora ambiental e o desenvolvemento económico e turístico, coa recuperación do patrimonio e a posta en valor dos recursos naturais como parte da súa estratexia.