O delegado territorial explicou que a actuación consiste na instalación dun sistema de videovixilancia neste recinto empresarial. O sistema –segundo o representante do Goberno galego– contará con cámaras de visión nocturna (12 cámaras de tecnoloxía IP con 4 k de resolución e visión nocturna, conectadas mediante fibra óptica co servidor gravador), especialmente deseñadas para o recoñecemento de matrículas, conectadas todas elas a un equipo conmutador de rede, xestionado por un servidor con software específico de control, que posibilita a visión en tempo real de cada unha das cámaras dende calquera ordenador con conexión a internet, así como o almacenamento de imaxes e envío de alarmas.
Gabriel Alén subliñou tamén que está a piques de licitarse a obras de urbanización da ampliación do mesmo nas que a Xunta investirá máis de 3,6 millóns. Deste xeito, significou que coa ampliación do parque empresarial de Xinzo de Limia, este terá unha superficie total de 118.695 m2, dos que 86.521 m2 se corresponden ás 23 parcelas de usos industrial e comercial nas que quedará dividido esta área empresarial.
Orde de mellora e habilitación de infraestruturas dos parques empresariais
Gabriel Alén destacou que “este tipo de actuacións enmárcanse na aposta da Xunta por impulsar a actividade industrial e mellorar a competitividade dos parques empresariais grazas á mellora das súas infraestruturas e ao impulso da creación de novas empresas que permiten xerar emprego”.
Con esta liña, da que se poden conceder anticipos de ata o 25%, preténdese favorecer unha actualización permanente dos parques industriais da Comunidade para dar resposta ás necesidade de infraestruturas, comunicacións ou de adecuación ás novas exixencias.
En total a Xunta de Galicia destina este ano 4,12M€ para apoiar 58 proxectos de mellora das infraestruturas de 52 parques empresariais repartidos por 51 municipios galegos. Deles, 38 son Concellos Emprendedores. A maior parte dos apoios (38) dedicaranse a infraestruturas viarias, aínda que tamén se realizarán proxectos relacionados coa xestión de residuos, a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, plantas de depuración de auga e colectores con vertedura á depuradora municipal, así como instalacións comúns destinadas á loita contra incendios dentro do parque.
A provincia de Ourense contará con proxectos en 11 parques empresarias, pertencentes a 10 concellos, que se apoiarán en un investimento de máis de 1,1M de euros, dos que 912.222 euros serán aportados pola Xunta. Desde a súa posta en marcha, a través das liñas para a mellora dos parques empresariais galegos e para a creación de novos viveiros industriais, lévanse apoiados 593 proxectos de mellora nos parques empresariais e impulsados 13 viveiros industriais.