A cidade de Ourense acollerá no mes de novembro o primeiro Máster Internacional de Carcross. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral, mantiveron unha xuntanza no Concello para avanzar nos preparativos deste evento, que se desenvolverá na cidade nunhas datas moi especiais, o mes de novembro, no que Ourense celebrará as Festas do San Martiño 2022. Será un novo aliciente para a festividade, e un grande espectáculo deportivo que contará cun escenario especialmente atractivo, como é a Subida da Castro de Beiro.
A proba está organizada pola Federación Galega de Automobilismo, coa colaboración de Escudería Ourense, e a colaboración do Concello de Ourense. Reunirá na cidade unha selección dos máis competitivos vehículos carcross, fórmulas monopraza de chasis tubular de pequeno tamaño, que contan cunha gaiola protectora anti-envorcadura e dotados dun motor de motocicleta de grande cilindrada (600 cc).
O máster traerá á cidade unha modalidade deportiva moi espectacular, que está a rexistrar un notable auxe na actualidade, e no que Galicia conta cun especial potencial, ao ser sede de varias prestixiosas empresas construtoras de vehículos destas características. A proba ourensá desenvolverase ao remate da temporada de carcross, e a organización confía en atraer a pilotos procedentes de toda Europa e de Latinoamérica. Entre os seus alicientes estará tamén unha importante dotación en premios, tanto para os pilotos que acaden as primeiras posicións, como para as propias construtoras dos vehículos, coa finalidade de incentivar a súa participación na cita.
O Concello mantén con este evento a súa aposta por potenciar Ourense como escenario de actividades deportivas, singularmente no eido do automobilismo, que achegan á cidade a un grande número de persoas, entre a organización, equipos participantes e o público que ven presencialas, ao tempo que contribúen á promoción da cidade e dotan dun magnífico espectáculo deportivo a todos os ourensáns, dándolle neste caso un atractivo engadido ao calendario festivo da cidade.
Neste senso, o alcalde vén de pechar un acordo coa organización do Rallye de Ourense 2022 para que o tramo espectáculo da emblemática proba ourensá se desenvolva por primeira vez no centro da cidade. Será o 17 de xuño, no marco das festas da cidade. No caso do carcross, o evento deportivo será os días 5 e 6 de novembro, no marco das festas do San Martiño 2022.