Ourense Cidade

O Concello organiza unha nova edición do Concurso de escaparates

O concurso repartirá 8.000 euros en premios, cun galardón máximo de 3.000 euros para a mellor decoración. Os locais poderán inscribirse do 1 ao 12 de decembro e deberán expoñer as decoracións até o 7 de xaneiro

Óscar Gómez

Ourense | 22.11.2023 08:12

O Concello organiza unha nova edición do Concurso de escaparates
O Concello organiza unha nova edición do Concurso de escaparates | onda cero

O Concello de Ourense, coa colaboración do CIFP Portovello e o patrocinio de Ecourense UTE, organiza o Concurso de Escaparates de Nadal 2023. Esta iniciativa ten como finalidade darlle visibilidade e apoio ao comercio local, ao tempo que dinamizar e darlle ambiente á cidade nas datas festivas.

O concurso repartirá un total de 8.000 euros en premios, O primeiro recibirá 3.000, o segundo 2.000, o terceiro 1.000, e haberá 4 accésits de 500.

Os comercios interesados poden inscribirse a través do correo electrónico concursoescaparates@ourense.gal, desde o día 1 ao 12 de decembro, e a decoración deberá estar exposta desde ese mesmo 12 de decembro até o 7 de xaneiro nos escaparates ou fachadas dos locais. As decoracións dos locais publicaranse na páxina web do Concello, do CIFP Portovello e na de Ecourense UTE, para que poidan ser contempladas por quen o desexe.

O xurado poderá visitar as decoracións desde o 12 de decembro e outorgará os premios valorando como criterios a composición e o deseño; a calidade e a harmonía; a iluminación, a creatividade e a orixinalidade; a exposición dos produtos, o uso de materiais reciclados.

Os premios entregaranse nun acto que terá lugar o día 20 de decembro.