Expourense

Previsel ofrece 30 actividades formativas sobre prevención e seguridade laboral

Formación especializada en prevención e seguridade laboral impartida por expertos na materia. Isto é o que ofrece a 14ª edición de Previsel que se celebrará en Expourense os días 24 e 25 de abril

Óscar Gómez

Ourense | 22.04.2019 13:18

Presentación de Previsel
Presentación de Previsel | Expourense

Previsel 2019 foi presentado esta mañá nun acto no que participou a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; o vicepresidente da Confederación Empresarial de Ourense- CEO, José Manuel Díaz Barreiros; o xefe do Centro Ourense do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia-ISSGA, Ángel López Álvarez, e a directora adxunta de Expourense, Emma González Diéguez. Todos eles resaltaron a necesidade da cooperación público-privada para loitar contra a sinistralidade laboral e camiñar cara o obxectivo “cero accidentes”.

Tanto os profesionais como o público xeral que asistan a Previsel atoparanse dúas áreas: exposición e xornadas técnicas. En total, esta cita contará cunha trintena de expositores procedentes de Galicia na práctica totalidade e destacando a presenza en feira de asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e servizos de prevención, seguridade e emerxencias.

O programa de actividades desta edición abordará temas de plena actualidade como o novo regulamento de instalacións de protección contra incendios (RIPCI); a mobilización de persoas dependentes ou o uso de desfibriladores externos.

XORNADAS E OBRADOIROS

O interese mostrado por todas as entidades integradas no comité asesor de Previsel, dá como resultado que o salón poida presentar un completo programa de actividades

moi especializadas, baseadas na realidade do noso tecido laboral e totalmente accesibles. Este programa foi elaborado por Administración, empresarios, sindicatos, mutuas e colexios profesionais.

O Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia, ISSGA, volve apostar por Previsel como plataforma de promoción da cultura preventiva e como o marco elixido para impartir formación especializada, nesta edición dirixida especialmente aos coidadores, persoal sanitario e de asistencia domiciliaria. Impartirán un seminario cada día. O do mércores 24 de abril estará centrado no “coidado de persoas con dependencia. Factores biolóxicos e psicosociais para os coidadores” e o do xoves 25 de abril versará sobre a “mobilización de persoas con capacidade reducida”.

Previsel ten lugar na mesma semana que se celebra o Día Mundial da Saúde Laboral (domingo 28 de abril) polo que algunhas das actividades estarán vencelladas con esta efeméride como é o caso da xornada organizada por CC.OO Ourense sobre “Muller, Prevención e Saúde no Mundo Laboral” na que se lerá o manifesto que conmemora este día e na que tamén se darán os datos de sinistralidade na provincia de Ourense baixo unha perspectiva de xénero.

Previsel conta ademais coa implicación dos tres sindicatos maioritarios en Galicia que convocarán aos seus afiliados de toda Galicia a participar nas actividades que organizaron. Ademais da xa mencionada actividade de CC.OO., a C.I.G. planificou unha xornada sobre a invisibilidade do cancro laboral e a avaliación dos axentes químicos que poden provocalo. Pola súa parte U.G.T. impartirá un seminario sobre riscos ergonómicos e a implementación de medidas preventivas.

Este salón foi tamén o espazo elixido para organizar unha mesa redonda sobre o novo regulamento de instalacións de protección contra incendios (RIPCI) na que profesionais de distintos colexios vencellados coa edificación, directores de seguridade e responsables da Administración Autonómica, ofrecerán os seus puntos de vista e explicarán os pasos para a súa aplicación.

Este programa recolle ademais un simulacro de evacuación do Pazo dos Deportes Paco Paz e unha exhibición de rescate en altura empregando as liñas de vida. En ambas as dúas actividades colabora a Deputación de Ourense, o Parque de Bombeiros de Ourense, Protección Civil Ourense e o Pazo Paco Paz.

Outra das entidades que colabora con Previsel dende o seu comezo é a Confederación Empresarial de Ourense, CEO, que nesta ocasión organiza unha xornada sobre “Masterchef, Prevención, Benestar e saúde” impartido por Mario López Guerrero, coach de directivos e equipas de alto rendemento.

Estas actividades compleméntanse con conferencias sobre a prevención de accidentes no fogar impartidas por Protección Civil de Barbadás, que tamén ofrecerán obradoiros de manexo de extintores; sobre a xestión e intervención en grandes insfraestruturas durante a organización de eventos que estará impartida polo xefe da Unidade UEPAS (Unidade de Emerxencias e Catástrofes de Galicia), Manuel Castillo; ou sobre a prevención de riscos laborais nos servizos de emerxencias que presentará Juan José Muñoz, da AXEGA.

Un ano máis, a Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia, TESGALICIA, organizarán varias actividades dirixidas a persoal sanitario e outras á sociedade en xeral. Impartirán un obradoiro teórico-práctico sobre o manexo de desfibrilador externo semiautomático “DESA”; organizarán un concurso RCP para persoal sanitario e estudantes e impartirán un obradoiro de defensa persoal. Tamén organizarán unha charla impartida por unha médico do 061 Galicia sobre apoio soporte vital avanzado,

Previsel é tamén o lugar elixido por APETAMCOR (Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías) para impartir un curso de manexo preventivo de carretas elevadoras.

Entre as actividades permanentes destacan as cadeas de supervivencia da Cruz Vermella. Os obradoiros sobre manexo de extintores que ofrece Protección Civil de Barbadás ou os consellos antiobesidade e antitabaquismo da Consellería de Sanidade. Durante toda a xornada do mércores poderase visitar tamén o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias, AXEGA, e recibirase a visita do Helicóptero do 061.

O programa de Xornadas Técnicas de Previsel 2019 conta co apoio do ISSGA. A asistencia a estas actividades é gratuíta e precisa de inscrición previa a través da web www.previsel.com ou no teléfono 988 36 60 30.

O horario de apertura do salón será o mércores 24 de abril de 10 a 14.00 h. e de 16.30 a 19.30 h. e o xoves 25 de 10.00 a 14.00 h.