Ourense Provincia

A Xunta reforza a coordinación con Portugal para mellorar a loita contra o lume

O director xeral de Defensa do Monte e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias mantiveron unha reunión por videoconferencia cos representantes lusos na que se analizaron os incendios das últimas semanas na área xeográfica común.

Óscar Gómez

Ourense | 09.02.2023 08:03

A Xunta reforza a coordinación con Portugal para mellorar a loita contra o lume
A Xunta reforza a coordinación con Portugal para mellorar a loita contra o lume | La Voz de Galicia

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, reuniuse hoxe por videoconferencia con responsables dos distritos forestais portugueses da zona fronteiriza con Galicia. Na xuntanza participou tamén, por parte galega, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo. Do lado luso, estiveron Joao Noel Alfonso e Marco Domíngues, comandantes operacionais distritais da área da fronteira coa nosa comunidade.

O encontro serviu para avanzar na mellora da colaboración e a coordinación ao longo de todo o ano entre os responsables dos operativos galego e portugués de loita contra o lume, máis alá da época de alto risco de incendios. Nesa liña, analizáronse os lumes rexistrados nas últimas semanas na zona xeográfica común, tanto a súa casuística como a resposta dada por parte de ambos dispositivos para facerlles fronte.

Os participantes na reunión salientaron a importancia da cooperación entre ambas partes, que se materializa nunha serie de protocolos comúns de actuación que permiten traballar a ambos lados da fronteira con persoal e medios galegos e portugueses, indistintamente de onde se orixinen, en cada caso, os focos de lume.