Aceites Abril presentou en Dominio de Razamonde a nova campaña do seu proxecto Abril Colleita Propia, que este ano prevé acadar unha recollida de 55.000 quilos de oliva 100% galega, traducidos en aproximadamente 6.000 litros de aceite de oliva virxe extra da máxima calidade. Para conmemorar esta data histórica, a empresa ourensana porá a venda 500 botellas numeradas de "Primeiro Día de Colleita 2026", elaborada coas olivas desta primeira xornada da colleita.
O acto contou coa presenza dos alcaldes de Castrelo de Miño, Cenlle, e Ribadavia, Avelino Pazos, Rebeca Sotelo e César Fernández. Todos eles foron guiados pola directora de Comunicación e Relacións Institucionais de Aceites Abril, Elena Pérez Canal, xunto con trinta profesionais da grande distribución, do sector agroalimentario, prensa especializada e creadores de contido dixital. Presentou durante a súa intervención o proxecto de oleoturismo: «Coa incorporación de Dominio de Razamonde a Aceites Abril, pretendemos unir estes dous mundos e crear experiencias que permitan descubrir, degustar e gozar dos nosos produtos na súa propia orixe”.
Subliñou a identidade do novo produto: “Primeiro Día de Colleita: un aceite moi especial, de edición limitada, elaborado a partir de froito cun rendemento excepcionalmente baixo, mais de calidade extraordinaria. Tan só transcorren menos de 48 horas desde a recollida temperá das olivas ata a súa prensaxe para obter o primeiro aceite, preservando así a frescura e a intensidade dese preciso momento da colleita”.

A grande novidade desta edición é a consolidación do espazo de Dominio de Razamonde como centro neurálxico de Colleita Propia. A empresa familiar ourensá completou o traslado da súa almazara desde San Cibrao das Viñas a este paraxe singular flanqueado por viñedos e olivares recén plantados. Este movemento estratéxico busca acurtar aínda máis os tempos entre recollida e moenda e maximizar a calidade do AOVE, ao tempo que nace como palanca dinamizadora do territorio a través do oleoturismo e a enoloxía na comarca do Ribeiro.
Experiencia de realidade virtual inmersiva en 360°
Durante a xornada, as autoridades e asistentes non só coñeceron de primeira man o funcionamento das novas instalacións da almazara, senón que viviron unha experiencia de realidade virtual inmersiva en 360°. A través de lentes de realidade virtual de última xeración, os participantes desfrutaron dunha vivencia case real que os transportou ao corazón do olivar. Trátase dun percorrido sensorial que abarca as fases de crecemento das olivas, a recollida e a entrada da oliva na almazara, a súa selección e a moenda onde nace o ouro líquido.
A actividade en campo completouse coa visita técnica á finca Daniel Osorio – O Penedo en Cenlle (propiedade de Alberto Sierra), con Marta Guimaraes, responsable de Agro de Aceites Abril.
A campaña de recollida da aceituna de 2026 está a destacar polas súas excelentes calidades en todos os seus parámetros. Marta pon en valor o bo estado sanitario dos olivares e a excelente taxa de rendemento, factores fundamentais para obter este aceite de oliva virxe extra de máxima categoría: "Estamos recibindo un froito con estándares impecables. Grazas ao seguimento das fincas e o bo manexo das mesmas por parte dos produtores. Froito deste traballo conxunto, entre os produtores e o asesoramento deste departamento, podemos afirmar que a liña “Colleita Propia” deste 2026 será inmellorábel. É un orgullo ver como crece o interese dos agricultores galegos por profesionalizar o cultivo do olivo e apostar firmemente pola calidade”.
Primeiro Día de Colleita 2026
Un dos momentos máis agardados da xornada foi a presentación en exclusiva de "Primeiro Día de Colleita 2026", unha edición limitada e exclusiva de tan só 500 botellas numeradas. Elaborado con olivas recollidas no seu punto óptimo de envero durante a primeira xornada de colleita e moídas a escasas horas da súa corta, este virxe extra representa a expresión máis fresca, concentrada e aromática do proxecto.
En canto ao canal comercial xeral, a produción de Abril Colleita Propia traducirase nunhas 12.000 botellas numeradas de 500 ml que chegarán aos lineais da distribución rexional, tendas especializadas e á tenda online da marca de cara ás festas de Nadal.
Finalmente, a recoñecida experta oleóloga, Brígida Jiménez, dirixiu unha cata técnica, onde ademais abordou as oportunidades do oleoturismo para fixar poboación no rural e valorou as excelentes condicións observadas nos olivares galegos este ano.
Alta gastronomía e dinamización do territorio
A xornada concluíu cunha degustación a cargo do recoñecido chef Miguel Mosteiro de Gastrolab Arousa, quen deseñou tres propostas gastronómicas concebidas para potenciar e elevar as notas sensoriais de Abril Colleita Propia no prato.
O peche distendido puxo en valor a despensa local nunha maridaxe onde o AOVE conviviu con produtos de proximidade como Queixos Amalia de Ourense, embutidos de autor Cienporcel, pan da IXP Pan de Cea e empanadas tradicionais, consolidando ao espazo Dominio de Razamonde como un novo enclave de referencia na comarca do Ribeiro.

