O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou a autorización da contratación das obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, cun investimento de preto de 52,6 M€.
En relación aos prazos, Feijóo precisou que a previsión é licitar nos vindeiros días o contrato para a execución das obras, que comezarán a finais deste mesmo ano e terán unha execución de 40 meses.O proxecto, concretou, contará con 3 intervencións: a construción dun novo edificio de hospitalización, a reforma do actual Hospital Materno Infantil e a mellora dos accesos.
O edificio de hospitalización, con 12 andares, destinarase a usos ambulatorios e a hospitalización propiamente dita, para o cal se realizarán unha serie de obras previas e se habilitarán novos núcleos de comunicación.
No caso do Hospital Materno Infantil, realizarase unha actuación integral que permitirá a súa posta en valor. Habilitarase unha área pediátrica con 38 camas, incluíndo 14 habitacións individuais para menores de 2 anos; unha área de neonatoloxía, con UCI pediátrica, zona de urxencias pediátricas e urxencias obstétricas; así como unha área de radioloxía; e 336 camas de hospitalización obstétrica e convencional.