Ourense Cidade

O Psoe denuncia o "plan de derrubamento deliberado" do PP contra a hostelería de Ourense

Fernández asegurou que “tócalle a Xunta dar este paso porque estivo 10 meses ausente sen ningunha medida”

Óscar Gómez

Ourense | 30.11.2020 08:22

Cierre hostelería
Cierre hostelería | Agencia EFE

O PSdeG-PSOE denuncia o “plan de derrubamento deliberado” do PP e Miguel Caride, contra a hostalería de Ourense, tras rexeitar unha moción na Deputación en favor de axudas directas e inmediatas para a hostalería e os autónomos. Os socialistas cuestionan o “abandono intencionado” practicado por Baltar, Núñez Feijóo e o seu novo apéndice, o deputado non adscrito, Miguel Caride, a pesar de sufrir a provincia restricións desde moito antes que outros territorios. “Ourense soporta desde hai tres meses as restricións máis duras de España fronte á pandemia, pero só cando as medidas afectaron ao eixo atlántico, a Xunta comezou a falar de axudas das que aínda non cobraron nin un céntimo”, denuncian.

O deputado, Diego Fernández, salientou que “tócalle a Xunta dar este paso de inmediato porque estivo 10 meses ausente sen ningunha medida”, tras recordar que “ten que haber un apoio unánime á hostalería” porque “o propio sector critica duramente as medidas anunciadas por escasas”. Fernández insistiu en que “o conselleiro de Sanidade debe pedir desculpas tras culpabilizar a este sector como o responsable dos contaxios, palabras que fixeron tantísimo dano”. O deputado tamén criticou ao PP por cualificar como “mercadear” a busca de apoios para impulsar este rescate e por “conformarse” con só 16 millóns para toda Galicia, facendo “partidismo” e “seguidismo” de Feijóo, obviando as necesidades específicas da provincia.

Desde o PSOE alertaron que “o goberno de Feijóo deu as costas a hostalería durante 10 meses con cero axudas e agora, tras sinalalos como os causantes de bombas víricas, segue sen aprobar un rescate integral que evite a súa quebra”. “O abandono foi tan evidente que o primeiro encontro do executivo galego do PP con estes empresarios e empresarias non tivo lugar ata novembro” tras dez meses de pandemia, recordaron.

A iniciativa reclamaba medidas específicas a Xunta para compensar a hostalería da provincia, que sufriu as restricións impostas polo goberno galego un mes antes que o resto da comunidade, e un rescate integral que inclúa todas as demandas das asociacións profesionais. Tamén instaba á Deputación a suplementar nun 20 % estas axudas, co fin de compensar aos afectados e afectadas da provincia que sufriron antes as restricións. O texto recibiu os votos a favor de PSdeG-PSOE, BNG e DO, e os votos en contra de PP e Miguel Caride. Ciudadanos abstívose.

Recuperación da atención primaria

O PSdeG-PSOE tamén impulsou outra iniciativa no pleno de novembro, para iniciar xa reactivación da atención primaria presencial e para abrir un proceso de recuperación dos profesionais perdidos nos últimos anos, “arrasados polas políticas de Feijóo”, garantindo así a cobertura e substitución do personal dos centros de saúde, co fin de “non afastar” a asistencia da cidadanía.

O voceiro, Rafa Villarino, cualificou a situación de “caos” desde hai anos, actualmente agravada pola pandemia da Covid-19, polo que, advirte, “faise insostible seguir así” tras “unha década” instalados nunha “política de servizos mínimos continuados” nos centros de atención primaria da provincia, nos que traballadores e veciñanza “padecen faltas graves de persoal e servizos” a causa dos recortes de Feijóo.

“A situación do servizo é precaria einadmisible, posto que á falta crónica de persoal, súmanse os importantes “atrancos” para atender ás persoas adecuadamente ao estar imposto pola Xunta un servizo de teleasistencia “en precario”, que atrasa días ou semanas os diagnósticos dos profesionais sanitarios e agrava os problemas dos doentes, advertiu. Villarino salientou que Galicia é a terceira peor comunidade autónoma do país en cociente de persoal médico por habitante e con peor cociente de persoal de enfermería, recordou.

A moción foi rexeitada cos votos do PP ourensán que, unha vez máis, volveu emendar o texto orixinal co único fin de “salvar os mobles” dos recortes de Feijóo mediante unha emenda “valeira de contido que só busca enredar”. A iniciativa dos socialistas si recibiu os votos favorables de Democracia Ourensana e do BNG. Ciudadanos abstívose.