O programa permitirá aos participantes descubrir a riqueza paisaxística, cultural e histórica da Vía da Prata a través de catro etapas que suman máis de 90 quilómetros entre a fronteira portuguesa e a cidade de Ourense. As persoas interesadas poderán inscribirse tanto no ciclo completo como de maneira individual en cada unha das etapas, facilitando así a participación segundo as preferencias e dispoñibilidade de cada camiñante.
Co obxectivo de garantir unha experiencia cómoda, segura e enriquecedora, todas as andainas contarán con servizo de guías especializados, así como transporte en autobús para facilitar os desprazamentos dos participantes.
O calendario previsto é o seguinte:
31 de maio: Feces – Verín (18,7 km). Percorrido que cruza a fronteira que ven de Chaves, pasando por Feces de Abaixo, Mandín, Tamaguelos e Mourazos. Etapa de dificultade media-alta.
7 de xuño: Verín – Xinzo de Limia (34,8 km). Ruta que atravesa o castelo de Monterrei e o val de Albarellos ata o alto das Estibadas. Esta etapa poderá realizarse completa ou dividida en dous tramos: Verín-Trasmiras (21,5 km) e Trasmiras-Xinzo (13,2 km).
14 de xuño: Xinzo de Limia – Allariz (20,8 km). Andaina pola chaira da Limia e a antiga canle da Lagoa de Antela, seguindo os pasos da histórica Vía Nova romana ata Allariz.
21 de xuño: Allariz – Ourense (22,6 km). Etapa final que atravesa Santa Mariña de Augas Santas, un dos conxuntos etnográficos máis singulares de Galicia, antes de entrar na capital ourensá por Seixalbo.
As inscricións poden realizarse a través da páxina web de Conoce Galicia e máis información no teléfono 988 253 359.

