A cidade de Ourense será o escenario do Campionato Galego 3x3 en categorías U15 e U13. A estrea desta competición oficial realizarase na cidade das Burgas no mes de maio, acollendo esta tanto as súas dúas Fases Previas (7 de maio e 17 de maio) como a Fase Final, marcada para o 28 de maio.
O Presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez; xunto ao Alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; e o Director Deportivo de Carmelitas Vedruna; Juan A. Rodríguez; reuníronse este xoves no Concello de Ourense para realizar esta asignación de sede. O Campionato Galego 3x3 U15 e U13 converterá a Ourense no epicentro dunha disciplina, o Baloncesto en formato 3x3, que comeza a pisar forte e establecer as súas bases dentro do Deporte Federado en Galicia. Así mesmo, os equipos que resulten campións galegos nesta cita conformarán as Seleccións Galegas que participarán, no mes de xuño; no Campionato de España de Seleccións Autonómicas 3x3 u15 e u13.
Participación
A inscrición neste Campionato Galego 3x3 U15 e U13 está xa aberta a todos aqueles xogadores e xogadoras desas dúas categorías que conten con licencia na Federación Galega de Baloncesto, aínda que non pertenzan ao mesmo club. A data límite para a inscrición de equipos é a do 24 de abril. A cota de participación, así como os restantes requisitos para a mesma poden consultarse na web oficial da Federación Galega de Baloncesto:www.fegaba.com.
Así mesmo, a entidade federativa mantén aberto o email 3x3@fegaba.com para a recepción de consultas e dúbidas.