Cultura

A Xunta destina preto de 2M€ a 11 entidades de iniativa social da provincia

Gabriel Alén destacou que estas achegas permitirán subvencionar o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia, propostas centradas en fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo das persoas inmigrantes ou daquelas en situación de risco de exclusión social, así como actuacións específicas dirixidas ás persoas sen fogar.

Óscar Gómez

Ourense | 29.11.2023 08:11

A Xunta destina preto de 2M€ a 11 entidades de iniativa social da provincia
A Xunta destina preto de 2M€ a 11 entidades de iniativa social da provincia | onda cero

O delegado territorial anunciou que a Xunta destina preto de 2M€ a 11 entidades de iniciativa social da provincia de Ourense para o mantemento dos seus servizos e programas. En Galicia, destinarase un total de 19,7 millóns de euros en actuacións que se realicen nos dous vindeiros anos. Trátase do importe máis alto dedicado a este fin, cun incremento de case o 8% con respecto á anterior orde plurianual.

Gabriel Alén destacou que estas achegas, cofinanciadas con fondos do Programa Operativo FSE+ 2021-2027, permitirán subvencionar o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social —como comedores, albergues ou centros de acollida—, propostas centradas en fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo das persoas inmigrantes ou daquelas en situación de risco de exclusión social, así como actuacións específicas dirixidas ás persoas sen fogar.

En concreto, esta orde de entidades regula axudas dirixidas á cobertura de necesidades básicas como aloxamento ou manutención e, neste sentido, a través dela a Xunta garante que todos os centros de inclusión e emerxencia social das entidades que cumpran cos requisitos recibirán subvención.

Tamén se facilitarán achegas para o desenvolvemento de itinerarios de inclusión sociolaboral, formación en competencias clave ou dixitais, mellora das competencias ou programas de mediación intercultural que teñan como destinatarios colectivos especialmente vulnerables. Así mesmo, nesta convocatoria refórzanse de novo as medidas dirixidas ás persoas sen fogar ao incorporar unha liña de accións de apoio á inclusión residencial.