Despois de que o alcalde notificase, fai uns días, aos comerciantes da Praza de Abastos, que deben abandonar a súa ubicación provisional na Alameda e regresar ao edificio histórico, malia que por dentro está totalmente diáfono, sen condicións mínimas para retomar a actividade e cunha reforma que continúa incompleta, o Grupo Municipal Popular solicita ao goberno local que cambie de postura e retome as negociacións cos praceiros e coa Xunta de Galicia, para que esta situación se arranxe sen necesidade de levar a cabo
medidas xudiciais.
Tal e como avanza a portavoz, Ana Méndez “tanto a Xunta de Galicia como os propios praceiros xa anunciaron a súa disposición a retomar as negociacións porque os comerciantes non poden volver a unha praza sen postos, sen enchufes,
sen cámaras frigoríficas e sen circuíto de carga e descarga”.
Por outra banda, o PP lembra que foi o propio Concello quen asinou en 2018 un convenio onde se comprometía a executar a reforma respectando o proxecto orixinal de 2013, e a garantir que o regreso dos praceiros se producise en condicións equivalentes ás da concesión do ano 2000. "Non cumprir ese compromiso é romper unilateralmente un acordo que foi clave para trasladar o mercado á Alameda", sinala a voceira popular.
Por último, o Partido Popular reitera ao alcalde que rectifique de inmediato, sente a negociar con rigor cos praceiros e acepte a proposta da Xunta, a única que ofrece unha saída realista para recuperar a actividade na Praza e devolver a Alameda á cidade. "Os propios praceiros non poden facerse cargo dunhas obras que lle corresponden ao Concello, están en xogo 40 negocios, 250 empregos e o futuro da Praza de Abastos de Ourense", conclúe a voceira.