Datos Paro

Galicia acada a cifra de paro máis baixa nun mes de Novembro

As cifras de parados menores de 30 anos e de mulleres son as máis baixas de toda a serie histórica (maio 2005) nun novembro, o número de afiliacións continúan en aumento con respecto a hai un ano.

Óscar Gómez

Ourense | 02.12.2022 14:02

Oficina de empleo
Oficina de empleo | onda cero

Galicia pechou novembro coa cifra de paro (142.758) máis baixa de toda a serie histórica neste mes, no que baixou o desemprego tanto na evolución anual como mensual e aumentaron as afiliacións con respecto a hai un ano. Así, o destacou a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, quen valorou os datos do paro rexistrado. Indicou que “Galicia continúa na senda do descenso do paro” e sinalou que os datos son “coherentes”, xa que o desemprego baixa e as afiliacións crecen.

Con respecto a novembro de 2021, o paro caeu nun 6,54% , descendendo en todos os sectores de actividade, nas catro provincias e sete grandes cidades. En canto ás actividades económicas, liderou a baixada o sector primario (-13,33%) seguido da industria (-12,05%), a construción (-7,70%) e os servizos (-5,61%). A conselleira, en concreto, destacou a caída do paro na industria, ao estar por debaixo do descenso medio do desemprego.

O paro tamén caeu nos colectivos con máis dificultades para atopar un traballo: entre os menores de 30 anos (-11,16%), parados de longa duración (-10,05%) e mulleres (-6,70%). As cifras de parados menores de 30 anos e de mulleres, ademais, son as máis baixas de toda a serie histórica (maio 2005) nun novembro. Na evolución mensual, Lorenzana apuntou que diminúe por segunda vez o paro en Galicia nun mes de novembro de toda a serie histórica (1996) e afirmou que descende na industria (-1,51%) e nos servizos (-0,85%).

En canto ás afiliacións, Galicia segue a superar a barreira do millón de persoas que cotizan á Seguridade Social con 1.047.608 persoas, unha cifra superior á rexistrada hai trece anos (en novembro de 2009 había 1.028.533). As cotizacións aumentaron con respecto a hai un ano nun 1,17%, polo que a comunidade galega conta con 12.110 persoas afiliadas máis.

En palabras de Lorenzana, a Xunta continúa a traballar porque “en Galicia hai vacantes de emprego”. “É preciso insistir en axudar ás empresas e ás persoas sen traballo en atopar un posto laboral” e, ao respecto, avanzou que os 136 novos orientadores laborais, cuxas prazas se aprobaron onte no Consello da Xunta, incorporaranse “de xeito inmediato” ás oficinas de emprego.

A titular de Promoción do Emprego apuntou, ademais, que a Xunta continúa co labor de impulso da ferramenta informática para casar oferta e demanda, ao tempo que animou ás persoas que buscan traballo a que se acollan aos plans autonómicos de formación “ao estar orientados ás vacantes das empresas”, engadiu. Insistiu, así, na importancia de seguir mantendo a colaboración público-privada para saber os postos de traballo que na actualidade está a demandar o tecido produtivo.