Comercio

Nova convocatoria do Bono Nova Oportunidade da Xunta de Galicia

Na convocatoria do ano 2025, a Consellería de Em-prego, Comercio e Emigración, destinou en Ourense 147.000 euros ao abeiro destas achegas.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Nova convocatoria do Bono Nova Oportunidade da Xunta de Galicia
Nova convocatoria do Bono Nova Oportunidade da Xunta de Galicia | Xunta de Galicia

O delegado territorial da Xunta de Galicia, Manuel Pardo, lembrou que a Xunta ten aberto unha nova convocatoria deste programa ata o vindeiro 30 de setembro ou ata esgotamento de crédito (1,5 M€), co obxectivo de facilitar a volta á actividade económica de emprendedores que, por diversas causas, tiveron que cesar na súa actividade, pero queren volver emprender un negocio e poñer en valor a experiencia adquirida.

O representante do Goberno galego explicou que para beneficiarse desta iniciativa, integrada na convocatoria unificada para persoas traballadoras autónomas e dotada con preto de 41 M€, as persoas interesadas terán que estar inscritas como persoa demandante de emprego sen ocupación efectiva no momento da alta como persoa autónoma, ter cotizado anteriormente polo menos 3 meses ininterrompidos por conta propia, ter domicilio fiscal en Galicia con anterioridade da nova alta e desenvolver a súa actividade profesional na comunidade, entre outros requisitos. Ademais, deberán ter pasado un mínimo de 6 meses entre a nova alta e a anterior baixa.

Tamén concretou que o importe das axudas é de 7.500 euros, que poden incrementarse con 500 euros máis se a beneficiaria é unha muller, para apoiar a posta en marcha do novo negocio sen estar condicionadas a custos concretos.

Convocatoria do 2026

Manuel Pardo puxo en valor o esforzo da Xunta no apoio ao colectivo autónomo, cun investimento total de preto de 42 millóns de euros para o ano 2026. A maior parte dos recursos destínanse a unha orde única, con máis de 40,7 millóns de euros, que unifica cinco programas co obxectivo de axilizar a tramitación e dar resposta ás distintas fases do emprendemento, desde o inicio da actividade ata o reforzo da súa continuidade, entre as que se inclúe a promoción do emprego autonómo.

Esta orde estrutúrase arredor de cinco grandes programas de axuda: a promoción do emprego autónomo e a cota cero, orientadas a apoiar o inicio da actividade e o mantemento do emprego; o Bono das persoas traballadoras autónomas, centrado na consolidación de proxectos empresariais; o Bono Remuda, dirixido a facilitar o relevo xeracional e a transmisión de negocios; o Bono Nova Oportunidade, pensado para persoas que retoman a actividade por conta propia; e o programa de conciliación, que busca favorecer o equilibrio entre a vida laboral e familiar.