Ourense, 07 de marzo de 2019
O Concello de Ourense descubriu unha placa en homenaxe a Asunción González, a primeira vítima de violencia machista documentada na cidade, ao abeiro dos actos programados este xoves con motivo do Día Internacional das Mulleres e que comezaron coa lectura da declaración institucional da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) con motivo do 8 de marzo.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, reivindicou esta data para “implicar decididamente a toda a sociedade na necesidade de acadar a equidade real de oportunidades entre mulleres e homes”. “Queda moito por facer, somos conscientes delo; mais tamén quero subliñar que está nas nosas mans conseguilo se facemos o preciso”, abundou o rexedor.
Así mesmo dúas mulleres de etnia xitana que participan no programa Promociona, Jennifer Jiménez Jiménez, e Margarita Lorenzo Montoya, leron un manifesto no que amosaron o seu “apoio e compromiso coa defensa e igualdade de dereitos de todas as mulleres, especialmente as de etnia xitana”.
Neste sentido aproveitaron a súa intervención para pedir “acabar cos estereotipos que impiden que se nos mire como desexamos, como somos de verdade: estudantes, nais, mulleres que queren unha educación de calidade e defensoras do dereito a igualdade”.
O acto contou coa proxección dun traballo de video, “San Francisco. O destino da alma”, realizado polo director Marcos Pardo. O documental reivindica a historia da primeira muller rexistrada na nosa cidade como vítima da violencia de xénero, Asunción González a “Pobre Asunción”, que morreu asasinada na procesión do Venres Santo do ano 1891.
Momentos antes da proxección, un dos sobriños biznetos de Asunción González, Gonzalo García Lopez, rememorou a historia da súa antepasada e reclamou unha maior sensibilidade na loita contra a violencia de xénero.