Concello de ourense

O Psoe impulsa unha iniciativa para defender a cidade como sede da axencia da IA

En Ourense “precisamos accións baseadas nunha discriminación positiva real e no reequilibro territorial e non no desequilibro territorial que parece querer fomentar a Xunta”, sinalan desde o PSOE

Óscar Gómez

Ourense | 26.10.2022 08:00

O Psoe impulsa unha iniciativa para defender a cidade como sede da axencia da IA
O Psoe impulsa unha iniciativa para defender a cidade como sede da axencia da IA | La Región

O PSdeG-PSOE vén de rexistrar unha iniciativa urxente para rexeitar a “inaudita aldraxe” da Xunta a Ourense e para defender a esta cidade como a “mellor candidata posible” para acoller a sede física da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), un organismo clave para o noso presente e o noso futuro. A proposta será tratada, pola vía da urxencia, este venres 28 no pleno da Deputación e no pleno do Concello da terceira cidade de Galicia de novembro, ante a inminente decisión da comisión consultiva estatal para determinar a ubicación desta axencia, que terá lugar a comezos do próximo mes.

Concretamente, o PSOE reclama á Xunta que “rectifique a decisión de escoller á cidade da Coruña como a súa candidata para acoller a sede da AESIA e propoña a Ourense para este fin, xa que é a única candidata que cumpre todos os requisitos estipulados nos reais decretos que establecen o procedemento para a determinación das sedes físicas de entidades do sector público e na restante normativa que regula a desconcentración da administración estatal”.

Igualmente piden “rexeitar a aldraxe acometida pola Xunta contra a cidade de Ourense e a súa provincia, ao non elixir a proposta ourensá ao executar un proceder unilateral que non figura en ningunha das normas que regula este proceso, xa que decidiu ponderar máis uns criterios fronte a outros, primando o tecido empresarial fronte ao resto, o que elevou a candidatura da Coruña”.

Por último reclaman á comisión consultiva estatal e ao Goberno de España “afondar nas políticas de descentralización de actividades administrativas e infraestruturas públicas, instalando en Ourense a sede de organismos da Administración Xeral do Estado ou das súas entidades adscritas ou dependentes, no marco de reto demográfico, coa finalidade de fixar poboación e impulsar a economía e, nomeadamente, que unha desas sedes sexa a da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial”.

Os e as socialistas consideran que “no lugar de apostar por Ourense, que si cumpre todos os requisitos, a Xunta escolleu á cidade da Coruña como candidata” no que definen como “unha decisión incongruente”, xa que “non se entende que o goberno galego, para loitar contra o despoboamento tal e como detalla o Real Decreto, opte polo segundo municipio máis poboado de Galicia e un dos máis poboados de toda España que, ademais, conta coa área metropolitana que máis medrou de toda Galicia e que se atopa nunha das poucas provincias de máis de 1 millón de habitantes”.

“A prexudicial decisión adoptada pola Xunta evidencia que realmente estamos ante unha decisión que ten que moito máis que ver co centralismo económico e co centralismo de poder, e non ante unha decisión realmente democrática e xusta”, insisten desde PSOE ourensán antes de cualificala tamén como “absolutamente unilateral”, xa que “non figura en ningunha normativa” a decisión “a dedo” de “primar o tecido empresarial fronte ao resto de numerosos criterios”, o que “elevou” á Coruña. “O Goberno central detallou criterios xenéricos sen ponderación”, matizan.

O grupo socialista denuncia que “a decisión adoptada polo goberno de Galicia evidencia o pouco ou nulo peso que teñen a Deputación Provincial e o Concello de Ourense no ecosistema político de Galicia”, xa que nesta “loita de poder e intereses políticos internos” internos da comunidade, “nin Manuel Baltar nin Gonzalo Pérez Jácome son considerados e son quen de facer valer a Ourense como merece e como necesita”.

“Os e as ourensáns non podemos quedar á marxe deste proceso e desta oportunidade única”, insisten xa que “estamos nunha provincia e nunha cidade historicamente maltratadas, cunha importante carencia de investimentos e cunha ausencia inaudita de órganos, institucións ou industrias froito de descentralización e de decisións políticas”. Por iso queren “darlle a volta de inmediato a esta decisión arbitraria, provocada pola ponderación a dedo duns criterios fronte a outros”, o que “é unha evidente aldraxe contra Ourense e contra toda a súa veciñanza”.

O PSdeG-PSOE conclúe resaltando que “estamos ante un problema nuclear para o futuro da nosa cidade e da nosa provincia”, xa que en Ourense “precisamos accións baseadas nunha discriminación positiva real e no reequilibrio territorial e non no desequilibrio territorial que parece querer fomentar a Xunta”.