Economía

A Xunta destaca a contribución de pemes como Viña Costeiria

Viña Costeira puxo en marcha un plan de internacionalización web grazas a este programa de axudas, que en total ten permitido activar 18 proxectos de internacionalización na provincia por un importe próximo aos 700.000 euros.

O director do Igape, Fernando Guldrís, puxo en valor o esforzo da compañía pola busca de novos mercados, apoiándose en iniciativas como o Galicia Exporta Dixital. As exportacións das empresas ourensás aumentaron de xaneiro a agosto un 34,6%

Óscar Gómez

Ourense | 10.11.2021 12:37

A Xunta destaca a contribución de pemes como Viña Costeiria
A Xunta destaca a contribución de pemes como Viña Costeiria | onda cero

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou a adega de Viña Costeira, en Ribadavia, onde puxo en valor o papel clave que están a xogar as pequenas e medianas empresas para que Galicia siga a incrementar as súas exportacións.

Tal e como apuntou Guldrís, ata agosto, as vendas ao exterior da Comunidade rozaban xa os 15.000 millóns, o que se supón un incremento de case o 23% con respecto aos oito primeiros meses do ano pasado. Unhas cifras ás que cabe engadir outras como o aumento do número de empresas exportadoras galegas, que alcanzou as 7340, o que supón unha suba de 1670 firmas (29,5%) con respecto ao mesmo período de 2020. No que respecta á provincia de Ourense, de xaneiro a agosto as exportacións incrementáronse nun 34,6% con respecto ao mesmo período do ano anterior.

“Desde a Administración seguimos activando medidas destinadas a facilitar o camiño dos verdadeiros protagonistas deste logro, as nosas empresas”, salientou o director do Igape, quen valorou programas como o Galicia Exporta Dixital que, no caso de Viña Costeira, tenlle permitido desenvolver un plan de internacionalización web, poñendo en marcha un catálogo online para vender en novos mercados e traballando no seu posicionamento SEO. Este programa, segundo afondou Guldrís, impulsou ata o de agora 18 proxectos de internacionalización na provincia de Ourense por un importe próximo aos 700.000 euros.

Así mesmo, a cooperación público-privada permitiu tamén, no caso de Viña Costeira, o desenvolvemento doutras accións de internacionalización, como a participación da adega en eventos expositivos internacionais fóra de Galicia, ou un plan Primex para a primeira implantación promocional conxunta no exterior.

Neste escenario, Guldrís destacou que o esforzo conxunto da Xunta e o tecido empresarial conta agora cunha nova Estratexia de Internacionalización para o período 2021-2025, unha folla de ruta que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.