Ourense Cidade

Néstor Rego mostra o seu apoio ás demandas da veciñanza de Peliquín

Asegura que “existen solucións técnicas que garanten a execución dun proxecto que permita manter a permeabilidade do barrio e desde o BNG seguiremos reclamando que se exploren todas as alternativas”.

Óscar Gómez

Ourense | 21.03.2023 07:53

Néstor Rego mostra o seu apoio ás demandas da veciñanza de Peliquín
Néstor Rego mostra o seu apoio ás demandas da veciñanza de Peliquín | onda cero

O deputado do BNG no Congreso dos Deputados Néstor Rego, acompañado polos membros do Grupo municipal no Concello, o Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara e a concelleira Rhut Reza, visitou esta maña o barrio ourensán de Peliquín.

O obxecto da visita era coñecer de primeira man a problemática existente no barrio en relación co paso a nivel e as previsións do ADIF da súa eliminación e substitución por unha pasarela elevada para peóns a uns 400 metros do paso actual e a imposibilidade de circulación para vehículos.

As reclamacións veciñais pasan pola construción dun paso soterrado tanto para peóns como para vehículos no lugar no que se ubica actualmente o paso a nivel e evitar deste xeito e tal e como afirma a veciñanza “o illamento das dúas marxes do barrio”.

Néstor Rego trasladou que “esta problemática xa foi obxecto duna iniciativa no Congreso na que solicitábamos información sobre o proxecto e sobre os motivos polos que non se exploran as alternativas que propoñen as veciñas e veciños”.

Rego afirmou que “a resposta do ADIF sinala que a construción dun paso soterrado tería afectación sobre unhas naves propiedade de RENFE e que actualmente están en desuso polo que entendemos que esta non é unha razón válida para non estudar a viabilidade da alternativa proposta”.

Segundo Rego, “ao noso entender, a solución proposta pola veciñanza é viable e por iso ímos reclamarlle ao ADIF que elabore un estudo e un anteproxecto no que se contemple a construción do paso soterrado e evitar deste xeito o illamento do barrio do resto da cidade e a construción de muros de ao redor de 5 metros de altura, algo que nos parece un disparate”.

Pola súa banda, o Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara, lembrou que xa no último Pleno desde o BNG se trasladou esta situación, recibindo como resposta por parte do alcalde que os técnicos do concello validaban o proxecto de ADIF e que polo tanto non había nada que facer.

Segundo Seara, “o concello non pode pórse de perfil, debe escoitar á veciñanza, e explorar todas as alternativas posibles co obxectivo de conquerir que a afectación do proxecto sobre o barrio e a veciñanza sexa a menor posible e sobre todo, que se garanta a permeabilidade, polo que solicitaremos que os técnicos municipais avalien a proposta de soterramento”.