Educación

Gabriel Alén salienta a amplia oferta formativa da FP Dual na provincia de Ourense

No vindeiro curso o alumnado poderá escoller entre 28 ensinanzas diferentes de FP nesta modalidade, das que 17 son de nova implantación nos seus respectivos centros, en 21 centros da provincia de Ourense.

Óscar Gómez

Ourense | 27.06.2023 08:03

Gabriel Alén salienta a amplia oferta formativa da FP Dual na provincia de Ourense
Gabriel Alén salienta a amplia oferta formativa da FP Dual na provincia de Ourense | Grupo San Valero

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou o IES Lauro Olmo no Barco de Valdeorras para por en valor os estudos de Ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior en Vitivinicultura na modalidade de FP Dual.

O delegado territorial significou que coa implantación deste ciclo, preténdese formar na Comarca de Valdeorras, a alumnos que acadarán as competencias necesarias para traballar en pequenas e medianas empresas vitivinícolas dedicadas á produción de uva, á elaboración, á crianza e ao envasamento do viño; así coma outros produtos derivados da uva e do viño; así como desenvolver funcións de dirección e supervisión nas áreas funcionais de recepción, produción e envasamento.

Gabriel Alén engadiu que a competencia xeral deste título de técnico superior en Vitivinicultura consiste en organizar, programar e supervisar a produción na industria vitivinícola controlando a produción vitícola e as operacións de elaboración, estabilización e envasamento de viños e derivados, aplicando os plans de produción, calidade, seguridade alimentaria, prevención de riscos laborais e protección ambiental, consonte a lexislación.

O delegado territorial subliñou a Xunta vai seguir reforzando a Formación Profesional en Galicia coa a ampliación do número de ciclos, ofrecendo máis recursos económicos e flexibilizando os criterios para cursalos. Así, explicou que no vindeiro curso o alumnado poderá escoller entre 28 ensinanzas diferentes de FP dual, das que 17 son de nova implantación nos seus respectivos centros, en 21 centros da provincia de Ourense.

Deste xeito, Gabriel Alén detallou os novos graos en Farmacia e parafarmacia e Intelixencia artificial e big data no CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel; o de Automoción e Mantemento e seguridade en

sistemas de vehículos híbridos e eléctricos no IES Universidade Laboral; o de Aceites de oliva e viños, Automoción e Hixiene bucodental no IES García Barbón; o de Robótica colaborativa no IES Manuel Chamoso Lamas; o de Proxectos de edificación, Axencias de viaxes e xestión de eventos e Ensinanza e animación sociodeportiva e oferta parcial de acondicionamento físico no CIFP A Farixa; o de Automoción no IES O Ribeiro; o de Dirección de cociña e oferta parcial de Produción Agroecolóxica e Dirección de servizos de restauración e oferta parcial de xestión de aloxamentos turísticos no IES de Vilamarín; o de Xestión administrativa no IES Celanova Celso Emilio Ferreiro; o de Formación para a mobilidade segura e sustentable no CIFP Portovello.

En resumo, “unha formación que ten vantaxes en materia de formación, innovación e inserción laboral e que se caracteriza pola súa calidade, dinamismo e empregabilidade”; sentenciou o delegado territorial.

Gabriel Alén salienta a amplia oferta formativa da FP Dual na provincia de Ourense
Gabriel Alén salienta a amplia oferta formativa da FP Dual na provincia de Ourense | onda cero

A FP dual

A FP dual é unha modalidade de formación profesional que ten como finalidade a cualificación profesional das persoas nun réxime de alternancia de actividade laboral nunha empresa coa actividade formativa nun centro educativo.

A FP dual integra os tres piares que sustentan o proceso de formación dun profesional: formación curricular (específica do ciclo formativo), traballo na empresa e formación complementaria (específica para os procesos produtivos da empresa), combinando a asistencia do alumnado no centro educativo coa súa formación e o seu traballo na empresa.

Os centros e as empresas comparten as responsabilidades formativas para que as ensinanzas profesionais se adecúen ás necesidades do mercado laboral.