Concello de Ourense

O Concello e Ecoembes entrégan a doazón realizada pola veciñanza a través do programa Reciclos

A concelleira quixo agradecerlles aos veciños e veciñas “o seu compromiso co medio ambiente e coas asociacións beneficiarias do programa”, cuxo desempeño resulta imprescindible para alcanzar a plena inclusión.

Óscar Gómez

Ourense | 19.09.2023 07:59

O Concello e Ecoembes entrégan a doazón realizada pola veciñanza a través do programa Reciclos
O Concello e Ecoembes entrégan a doazón realizada pola veciñanza a través do programa Reciclos | onda cero

A concelleira de Asuntos Sociais do Concello de Ourense, Ana Fernández Nieto, participou na entrega simbólica das doazóns que os veciños e as veciñas de Ourense realizaron en favor da Asociación de Dano cerebral Adquirido ao reciclar a través de Reciclos. Este é un programa de devolución e recompensa (SDR), que desenvolve Ecoembes co apoio do Concello, e ten como finalidade incentivar a reciclaxe a través de recompensas de carácter social e sostible.

Representantes da asociación recibiron da man de Ana Fernández e de Bruno de Chairo, especialista de Ecoembes en Galicia, un cheque simbólico pola doazón realizada polos ourensáns e as ourensás que utilizan este sistema. Grazas a estes 2.000 euros, a asociación poderá ofrecer apoio económico ás familias con algún membro que padeza danos cerebrais adquiridos, para minimizar o risco de exclusión social e garantir a adherencia ao tratamento.

A concelleira quixo agradecerlles aos veciños e veciñas “o seu compromiso co medio ambiente e coas asociacións beneficiarias do programa”, cuxo desempeño resulta imprescindible para alcanzar a plena inclusión, “así como unha sociedade máis comprometida, obxectivos cos que se traballa a diario desde o Concello”. Ana Fernández avanzou que grazas ao gran comportamento dos cidadáns de Ourense xa se están xerando Reciclos a favor da Asociación por eles TEA Ourense, e animou a veciñanza a seguir usando este sistema. Con el contribúen á circularidade dos envases -para darlles unha nova vida- e colabórase con proxectos moi necesarios. Así mesmo, Bruno de Chairo, especialista de Ecoembes en Galicia, agradeceulle ao Concello a súa confianza por apostar por Reciclos, e destacou “a colaboración, compromiso e conservación” que supoñen este tipo de xestos. “Os ourensáns, están a reciclar máis e mellor, contribúen con este simple xesto a coidar do medio ambiente e a axudar a quen máis o necesita”, dixo.

Reciclar no contedor amarelo

Reciclos chegou á localidade de Ourense en marzo deste ano, instalando tecnoloxía nos 958 contedores amarelos da cidade, onde os veciños poden reciclar os seus envases e obter recompensas. Desde entón, xa son 5.289 os veciños e as veciñas de Ourense que usan este sistema de reciclaxe, un 4,4% máis de persoas usuarias desde xuño do presente ano.

Para facer uso do sistema, só hai que descargarse a app gratuíta Reciclos e, en casa, escanear o código de barras da lata ou botella de plástico que se quere reciclar antes de botalo ao cubo. Unha vez na rúa, cando acodan ao contedor amarelo coa súa bolsa de envases, deben depositala alí e escanear o código QR que hai no contedor. Así, obterán puntos denominados "reciclos", que poderán trocar polas distintas recompensas que teñan dispoñibles.