Cultura

O colexio Amadeo Rodríguez inagura unha nova biblioteca

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa e o delegado territorial en Ourense participan na apertura deste espazo no que a Xunta acaba de investir 55.000€.

Óscar Gómez

Ourense | 29.03.2023 11:25

O colexio Amadeo Rodríguez inagura unha nova biblioteca
O colexio Amadeo Rodríguez inagura unha nova biblioteca | onda cero

O colexio público CEIP Amadeo Rodríguez Barroso, de Ourense, vén de inaugurar a súa nova biblioteca escolar, un espazo moito máis amplo e mellor equipado co reforzo de novos fondos bibliográficos e mobiliario grazas ao apoio da Xunta de Galicia, que investiu 55.000€ na súa remodelación e reforzo do equipamento tanto no que atinxe a mobiliario como a fondos bibliográficos.

A directora xeral Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaron hoxe na súa inauguración tras acometerse un traballo de reordenación coa eliminación dun tabique central, o pintado de paredes e panelado de cortiza nunha delas, colocación de tarima flotante, renovación da zona de xogos e reordenación de puntos wifi, entre outros.

A biblioteca é unha das áreas máis dinámicas deste centro que desde o curso 2011-12 forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia. Ademais, foron convidados a participar no Programa de Lectura, Información e Aprendizaxe LÍA.3 da Xunta para avanzar nun modelo de biblioteca escolar deseñada como laboratorio creativo de aprendizaxes aberto a toda a comunidade escolar.

Así pois, grazas ao investimento do Goberno galego, a biblioteca do Rodríguez Barroso vese reforzada como punto estratéxico de acceso ás aprendizaxes na era dixital, como espazo para avanzar na equidade e no acceso aos bens culturais e aos recursos tecnolóxicos.