Economía

O BNG denuncia a descriminación dos autónomos por parte da Xunta

Iago Tabarés pon en evidencia un emprego ineficaz dos recursos públicos así coma un total e absoluto descoñecemento da realidade do emprego autónomo na provincia de Ourense por parte da Xunta de Galiza.

Óscar Gómez

Ourense | 12.01.2023 08:11

O BNG denuncia a discriminación dos autónomos de Ourense por parte da Xunta
O BNG denuncia a discriminación dos autónomos de Ourense por parte da Xunta | onda cero

O deputado do BNG no parlamento de Galiza, Iago Tabarés, ven de rexistrar no Parlamento galego diversas iniciativas encamiñadas a por de manifesto e demandar a rectificación da discriminación cara os autónomos, e os ourensáns en particular, na convocatoria pública de axudas para o ano 2023 do programa denominado Impacto Autónomo, dirixido a minimizar o impacto da suba dos custos das materias primas e subministracións nas persoas autónomas e microempresas.

“Desde o BNG consideramos que tal convocatoria discrimina ás traballadoras máis afectadas e particularmente as de Ourense”. Pois criterio de concesión das axudas é unicamente a orde de presentación das solicitudes, que obrigatoriamente haberá de facerse por medios electrónicos, o que limita o acceso ás mesmas aos autónomos con maior dificultade no manexo das novas tecnoloxías ou peor conexión a internet, o que atinxe principalmente ao rural ourensán, sinalou Tabarés.

É por tanto a conexión a internet ou capacidade para contratar quen xestiona a solicitude o que determinará a concesión dunha axuda que con carácter xeral será de 800€. Tal e como recollen os estudos do IGE, Ourense é a provincia cunha porcentaxe inferior de fogares con conexión a internet, máis de 8 puntos por baixo da media nacional, existindo comarcas nas que a diferencia mesmo chega a duplicarse.

Por outra banda, afirma o deputado nacionalista, resulta inaceptábel que o prazo se iniciase ás doce da noite do domingo cando é ben sabido que ía esgotarse o orzamento ás poucas horas, é dicir, de madrugada. “Por se fose pouco, as traballadoras autónomas que durante este ano sufriron con máis crudeza a suba de prezos resultan excluídas ao esixirse uns beneficios mínimos de 10.000€ para poder aspirar ás axudas.”

Xa que logo e dado o procedemento imposto pola Xunta de Galiza a obtención das axudas dependerá non tanto do proxecto ou necesidade, senón da conexión a internet, da estrutura organizativa ou das posibilidades de contratalas externamente, algo que non resulta coherente co obxectivo teórico da convocatoria.

“Desde o BNG agardamos que a Xunta explique este novo episodio de xestión de recursos públicos pouco eficaz e pouco transparente e que rectifique este sistema claramente perxudicial para os traballadores e traballaoras autónomas de Ourense “