Durante a súa intervención puxo de manifesto a gran oportunidade que brinda o termalismo, especialmente no interior e o rural de Galicia, por permitir dinamizar o desenvolvemento socioeconómico dos concellos. Neste sentido, puxo de manifesto a aposta do Goberno galego por impulsar infraestructuras como os balnearios, mellorando a súa capacidade aloxativa ou afondando na súa competitividade con proxectos que facilitan a súa documentación e xestión.
O foro, organizado no Balneario de Lobios polo proxecto Raia Termal, analizou durante os últimos dous días o papel das augas termais dos territorios nos que están situados e participaron persoas de preto de 20 países como España, Portugal, Francia, Italia, Reino Unido, Alemaña, Croacia, Arxentina, Brasil, Costa Rica, Colombia, México, Chile, Ecuador, Panamá, Tailandia ou Emiratos Árabes.
Termatalia 2019
O congreso internacional enmárcase nas accións paralelas á Feira Termatalia 2019 que se celebra o xoves e venres en Ourense e que conta co apoio da Xunta de Galicia. A feira cumpre a súa décimo novena edición e Galicia participa cun expositor no que se presenta a oferta termal galega e está prevista a presenza de turoperadores de diferentes países, así como de medios especializados.
Participarán 269 expositores, 26 turoperadores e estarán representados 34 países con importante presenza de América Latina e Europa. O horario da feira será de 10,00 a 19,00 horas de forma ininterrompida o xoves 19 e o venres 20.