Cultura

A Deputación de Ourense incorpora 300 pregos do cordel

Fan un chamamento para recuperar outros en mans privadas

Paco Sarria

Ourense |

A Deputación de Ourense incorpora 300 pregos do cordel
A Deputación de Ourense incorpora 300 pregos do cordel | onda cero ourense

O Arquivo Histórico Audiovisual da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense vén de incorporar ao seu fondo documental trescentos pregos de cordel do século XIX, un conxunto de pezas de enorme valor histórico e etnográfico que supón un paso decisivo na preservación da memoria colectiva e da tradición oral de Galicia.

Estas composicións, tamén coñecidas como coplas de cego ou romances, pasan a enriquecer un arquivo que ten como principal obxectivo salvagardar e estudar unha das manifestacións máis singulares da cultura popular galega.

A oralidade como “prensa” do pobo

As coplas de cego foron, desde o século XIV, un dos principais vehículos de transmisión de historias, sucesos e noticias entre a poboación. Popularmente denominadas como os “libros dos pobres”, eran creadas e difundidas por persoas moitas veces iletradas, pero cunha extraordinaria capacidade narrativa e comunicativa.

A súa función era dobre: informar e entreter. Os seus contidos centrábanse, maioritariamente, en acontecementos tráxicos, crimes escabrosos, feitos extraordinarios ou noticias insólitas que espertaban o interese popular.