Comenzan a segunda fase das obras de Seixalbo
O alcalde de Ourense destaca que esta nova etapa do proxecto permitirá “dar solucións ás peticións dos veciños, que demandan máis seguridade nunha das principais vías de entrada e saída a Ourense,”, pola presenza do establecemento funerario
A segunda fase das obras de mellora da seguridade viaria na OU-105 (Seixalbo) permitirá optimizar a circulación de peóns e de tráfico rodado na contorna inmediata do tanatorio situado á saída da cidade. A actuación, que terá un orzamento de medio millón de euros, suporá a execución de 6.400 metros cadrados de firmes e de 475 metros cadrados de aceiras; pero ademais permitirá dar continuidade aos camiños peatonais que transcorren pola contorna.
“Damos solucións ás peticións dos veciños que demandan máis seguridade nunha das principais vías de entrada e saída a Ourense, pero na que existe unha intensa presión de tráfico adicional pola presenza dun tanatorio” explica o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.
Neste sentido, o rexedor destaca que as obras desta segunda fase, anunciadas recentemente pola conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez, “permitirán mellorar a fluidez da circulación e sobre todo aumentar a protección de condutores e peóns que circulan no primeiro tramo da OU-105.”
A Axencia Galega de Infraestruturas está a rematar a redacción do proxecto desta segunda fase, que suporá unha continuación ás obras que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está realizando nun treito de 1,5 quilómetros (entre a zona do tanatorio e o Cumial, onde finalizan as vivendas), cun investimento de 847.000 euros.
Actuacións previstas na segunda fase de mellora da OU-105
A actuación principal consistirá na reordenación do tráfico de acceso ao tanatorio e a construción dunha nova glorieta de 36 metros de diámetro (no punto quilométrico 1,065), co obxectivo de favorecer unha circulación máis cómoda e segura.
Para elo, a glorieta contará cunha beiravía exterior de un metro; dous carrís de circulación de catro metros cada un; así como con outra beiravía interior, tamén dun metro.
A obra contempla tamén a reordenación do acceso existente no inicio da actuación. Así, a Rúa Canizo que actualmente é de dobre sentido, pasará a ser unha calzada de sentido único de entrada até o acceso ao Tanatorio. A partir dese punto a vía prolongase con dobre sentido de circulación ate a nova glorieta proxectada.
Entre as principais novidades destaca que para dar continuidade aos percorridos peatonais a través de toda a actuación, na marxe dereita da Rúa Canizo está proxectada unha beirarrúa de dous metros de ancho que conecta a senda peatonal "Ponte Sevilla” coa beirarrúa existente ao final da actuación.