Retransmisión pola 2 de TVE e RTVE Play

Pontevedra convértese este sábado na capital do audiovisual coa celebración dos Premios Feroz

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, amosouse "encantado" de acoller novamente o evento e destacou a sintonía coa organización, chegando a cualificar á presidenta da AICE, María Guerra, como "unha pontevedresa máis”.

Susana Pedreira

Pontevedra |

Personalidades institucionais do Concello e Deputación xunto os presentadores/as da Gala ca presidenta da AICE
Pontevedra convértese este sábado na capital do audiovisual coa celebración dos Premios Feroz | Concello de Pontevedra

Durante a súa intervención , Lores subliñou que a celebración deste evento non é froito do azar, senón que sinalou a súa relación coa consolidación do modelo de cidade: "Non ocorren en Pontevedra as cousas por casualidade. Hai moitos anos que nós apostamos por unha cidade pensada para as persoas, dinámica, activa…”. O rexedor convidou á cidadanía a gozar do que definiu como unha fin de semana de "festa" na que Pontevedra exercerá de "capital do audiovisual”.

Trala benvida do alcalde, María Guerra ofreceu os datos clave do evento, destacando o impacto económico na cidade: a gala creou 50 empregos directos, 350 indirectos e contou coa colaboración de 20 empresas de Pontevedra e do resto de Galicia. A cerimonia celebrarase este sábado 24 no Pazo da Cultura e será retransmitida pola 2 de TVE e RTVE Play, contando ademais cun programa especial de alfombra vermella no YouTube. Guerra salientou o compromiso coa accesibilidade, confirmando a presenza de intérpretes de lingua de signos tanto no escenario como na retransmisión televisiva.

Doutra banda, a gala contará cunha presentación coral a cargo de Petra Martínez, Elisabet Casanovas, Samantha Hudson e o actor galego Antonio Durán 'Morris'. Os presentadores eloxiaron unanimemente a cidade durante a rolda de prensa; Petra Martínez destacou a tranquilidade e beleza da urbe, namentres que Samantha Hudson definiu Pontevedra como "un oasis" grazas ao seu urbanismo peonil e a súa coherencia patrimonial.

Pola súa banda, Antonio Durán 'Morris' puxo en valor o peso da industria local: "A periferia cada vez pinta máis, grazas a Deus, no panorama audiovisual español", afirmou, agradecendo ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, por ser un "digno representante dunha cidade que pode representar a Galicia”. O acto contou tamén coa intervención do deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela, quen pechou a quenda de palabra institucional ratificando o apoio da Deputación de Pontevedra, destacando a importancia da colaboración entre institucións para que cidades como Pontevedra, fóra das grandes capitais estatais, poidan albergar eventos desta magnitude que atraen turismo e riqueza.