Nova edición da Festa da Ostra que chega cun programa de alto nivel para ensalzar o produto máis típico de Arcade, no concello de Soutomaior. Os próximos días 3, 4 e 5 de abril terá lugar un evento gastronómico o que asisten máis de 30 mil persoas. Nesta ocasión, a tradicional festa coincide tamen coa celebración da Semana Santa.
O alcalde Manu Lourenzo tamén considera que “levamos traballando dende hai meses para que esta edición da Festa da Ostra sexa a mellor ata o de agora e así o estamos traballando coa axenda e coa posta en valor do produto estrela con sabor a mar por excelencia e sobre todo maridado co albariño de Soutomaior con esa maridaxe perfecta entre a ostra e o albariño da nosa terra”.
Pregoeira
Manu Lourenzo tamén descatou a pregoeira desta edición, unha veciña moi especial, María Codesido García. O alcalde sinalou que “nesta edición XXXVIII da Festa da Ostra o Concello de Soutomaior, recoñecerá o esforzo, a tenacidade, o traballo e a perseverancia dunha persoa que traballa inscansablemente para conseguir as súas metas. Unha persoa que é unha referente para todas e todos nós, pois a súa traxectoria demostra que a pesar das adversidades non nos podemos render nin desilusionar, xa que, é posible sobreporse a todas as dificultades e loitar ata conseguir os nosos obxectivos.
Pola súa banda, a Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez, amosou a aposta da consellería do Mar por este sector “sen dúbida esta festa é un recoñecemento total ao sector do Mar”. A Directora Xeral tamén quixo destacar a importancia do proxecto “Ostreares” levado a cabo pola Confraría de Arcade.
Programa da Festa da Ostra
Unha festa que arrincará o 29 de marzo coa celebración da 7K Soutomaior e a Carreira Infantil da Ostra (incricións de balde e abertas).
O mércores 1 de abril (madrugada do 2 de abril) co programa “Pensando en ti” da Radio Galega tamén fará o seu especial da Festa da Ostra dende o Multiúsos de Arcade. Un programa en directo ao que están todas e todos convidados.
Pero os días grandes desta festa serán, sen dúbida os 3,4 e 5 de abril coa celebración dunha das citas máis agardadas no concello de Soutomaior. Unha festa onde un ano máis se manterán os prezos populares con 10 euros a ducia de ostras e os viños albariños de Soutomaior a 12 euros a botella. Unha festa onde tamén teremos a oportunidade de desfrutar e degustar da ostra cociñada coa experiencia OS TRÉS onde este ano a protagonista será: crujiente de gamba con tartar da nosa ostra, ostra en escabeche tradicional e ostra marinada en teruyaki sobre crema de aguacate e caviar de arenque.
Este ano, tendo en conta que a festa cadra coa Semana Santa, como novidade as casetas abriranse o venres 4 de abril ás 12:00h. unha xornada que tamén contará co concerto de “Chispas do Lérez” ás 12:30h. E, xa pola noite, contarán coas actuacións das orquestras Olympus e Finisterre.
O sábado 4 de abril a Festa continuará coa apertura das casetas ás 12:00h., o pasarrúas de Imperiais (dende o Calvario ata o Peirao) e xa pola noite chegarán as actuacións das orquestras Los Satélites e La Misión. Nesta xornada o concello tiña previsto a tirada de fogos de arteficio, pero un informe desfavorable de Costas (debido ao estar no Peirao en zona de rede natura), fai que non teña lugar esta tirada de fogos.
O domingo 6 de abril o día comezará ben cediño ás 10:00 da mañá co pasarrúas da BANDA ARTÍSTICA DE ARCADE e BANDA CULTURAL DE ARCADE dende o Calvario ata o Peirao.
Ás 11:00 h. terá lugar a apertura de casetas de degustación, unha hora máis tarde, ás 13:00 h. terá lugar a lectura do pregón a cargo da nosa veciña “María Codesido García”.
Dende as 12:00 ata as 15:00h. a carpa do Peirao contará co directo de “Fernando Sánchez Jazz Quartet”: xa pola tarde terá lugar a actuación de “Louoband” a partir das 18:00h. no Peirao de Arcade.
O alcalde, Manu Lourenzo, convidou a todo o mundo a que veñan a desfrutar do produto típico de Arcade durante os días 3, 4 e 5 de abril.

