O programa de Ciencia é o Concello de Soutomaior continúa coa súa quinta edición cunha das citas máis destacadas do calendario: a Feira de Ciencia, que se celebra durante toda a xornada deste xoves no Multiúsos de Arcade cunha ampla programación dirixida á comunidade educativa e á cidadanía en xeral.
Organizada polo Concello de Soutomaior, esta iniciativa ten como obxectivo achegar a ciencia á veciñanza e fomentar a curiosidade, a experimentación e o pensamento científico entre as novas xeracións.
Ao longo da mañá, a Feira recibiu a visita do alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e converteuse nun espazo de encontro para o alumnado participante, que presenta os seus proxectos de investigación e divulgación científica. Nesta 5ª edición da Feira da Ciencia participan o IES Soutomaior, o IES Mendiño, o IES Illa de San Simón, o Colexio Santiago Apóstol, o CEIP Manuel Padín Truitero e o CEIP de Ponte Sampaio.
As pequenas e pequenos investigadores expoñen un total de 17 traballos con temáticas moi diversas, entre os que se atopan propostas como Supermicrobios: o poder invisible que fai medrar a vida, Carreira de podremia, Que bebida dana máis os teus dentes: refresco, zume ou auga?, Que froita oxida máis rápido: a mazá, o plátano ou a pera?, Telégrafo e efecto Joule ou Meal Time, entre outros.
Os proxectos distribúense en catro espazos segundo a etapa educativa: a Zona A, destinada ao alumnado de 5º e 6º de Primaria; a Zona B, para 1º e 2º da ESO; a Zona C, para 3º e 4º da ESO; e a Zona D, correspondente aos traballos de Bacharelato.
A programación continuará pola tarde coa exposición de proxectos en horario de 16:00 a 18:00h., cun obradoiro de elaboración de velas aromáticas, ás 16:30 horas, dirixido a nenas e nenos a partir dos 6 anos, e cun segundo obradoiro, Plantas e sacos aromáticos, ás 17:30 horas, destinado a participantes maiores de 7 anos.
Mentres tanto, o xurado encargado de avaliar os proxectos deliberará os premios desta edición. Entregaranse dous galardóns en cada unha das categorías de Rigor Científico,
Innova, Comunica e Divulga, ademais dos premios Revelación nas categorías de Primaria, Secundaria e Bacharelato.
Como broche á xornada, antes da entrega de premios, terá lugar o espectáculo científico “Sen ciencia non hai paraíso”, unha actividade gratuíta e aberta a todos os públicos que se celebrará ás 18:30 horas no Multiúsos de Arcade.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou a importancia desta iniciativa para achegar a ciencia á sociedade e poñer en valor o traballo realizado nos centros educativos do concello e da contorna. «Esta Feira de Ciencia é unha mostra do enorme talento e da capacidade creativa das nosas nenas, nenos e mocidade. Desde o Concello apostamos por facer da ciencia unha ferramenta para espertar vocacións, fomentar o pensamento crítico e construír unha sociedade máis preparada para os retos do futuro», sinalou.
Lourenzo tamén quixo agradecer a implicación do profesorado e das comunidades educativas participantes, subliñando que «sen o compromiso dos centros e das familias sería imposible desenvolver un proxecto desta dimensión, que xa se consolidou como unha das citas educativas e divulgativas máis importantes de Soutomaior».

