A XIII edición da Feira da Sidra da Estrada pechou cun balance moi positivo e cunha conclusión clara por parte da organización: será necesario incrementar aínda máis tanto os litros de sidra como os vasos dispoñibles de cara á edición de 2027. Concello da Estrada e Asociación Maceira e Sidra coinciden en que a resposta do público superou todas as expectativas.
Os 5.000 litros previstos para a degustación, mil máis que na edición anterior, resultaron insuficientes ante a enorme afluencia de visitantes. Tampouco chegaron os 4.000 vasos conmemorativos preparados para a cita, o que obrigou a recuperar exemplares doutras edicións anteriores.
Un dos aspectos que máis sorprendeu á organización foi a elevada participación na quenda da tarde, que este ano rexistrou unha asistencia similar á da mañá, rompendo coa tendencia habitual doutras edicións. De feito, a concentración de público levou a adiantar o inicio do servizo de sidra da sesión vespertina.
O concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, destacou tamén o éxito da incorporación da cinta para suxeitar os vasos, unha medida que permitiu reducir de maneira notable a reposición e deixou nunha cifra “anecdótica” os vasos rotos.
Outro dos puntos valorados positivamente foi o funcionamento da venda anticipada, que permitiu despachar o 60 % dos vasos antes do inicio da feira, evitando grandes colas durante a xornada. A organización xa estuda trasladar esta venda previa á Sala Abanca na edición de 2027, incorporando ademais franxas horarias de mañá e tarde para facilitar a distribución.
Entre os espazos máis concorridos destacou tamén o “tardeo” da rúa Serafín Pazo, que rexistrou unha gran concentración de persoas e favoreceu un fluxo continuo de visitantes entre a Praza da Constitución e outras rúas do casco urbano, co correspondente impacto positivo para a hostalería local.
A organización considera tamén un acerto a habilitación dunha zona tranquila e preferente para persoas maiores e familias con nenos na Alameda, unha medida que se pretende manter e ampliar nas vindeiras edicións.
Entre os aspectos a mellorar figuran a ubicación e o número de aseos públicos, así como a necesidade de aumentar a oferta de sidras sen alcohol e incrementar as botellas dispoñibles na tenda da feira, un dos servizos mellor valorados polo público.
Dende a Asociación Maceira e Sidra avanzouse ademais a intención de reforzar o carácter internacional da mostra para 2027, incrementando a presenza de lagares estranxeiros. Segundo explicou o técnico Miguel Soto, os produtores participantes nesta edición marcharon “encantados” coa experiencia e con intención de regresar á Estrada o próximo ano.

