O Concello da Pobra de Trives e o de Manzaneda dan un paso decisivo na súa aposta por un modelo de turismo sostible, de calidade e ligado aos seus recursos naturais coa posta en marcha da candidatura para a obtención da prestixiosa certificación como Destino Turístico Starlight, un recoñecemento internacional que situará á comarca entre os grandes referentes do turismo astronómico.
Esta iniciativa, promovida por ambos concellos, conta co traballo técnico da dirección da Estación de Montaña Cabeza de Manzaneda e co financiamento de Turismo de Galicia, nun exemplo de colaboración institucional que permitirá poñer en valor un dos maiores patrimonios naturais da zona: a extraordinaria calidade do seu ceo nocturno.
A proximidade da eclipse solar total prevista para o vindeiro 12 de agosto pon de manifesto o enorme potencial da comarca para consolidarse como un destino de referencia para o astroturismo. A Pobra de Trives e Manzaneda reúnen unhas condicións privilexiadas para a observación astronómica grazas á súa altitude, á escasa contaminación luminosa e á excelente calidade do ceo, factores que as sitúan entre os mellores enclaves de Galicia para a contemplación do firmamento.
A certificación Starlight suporá un importante impulso para a promoción turística do territorio, incorporando un novo atractivo a unha oferta xa consolidada arredor da natureza, o deporte, o patrimonio, a gastronomía e a Estación de Montaña Cabeza de Manzaneda. Ademais, contribuirá a diversificar a actividade turística ao longo de todo o ano, xerando novas oportunidades para o desenvolvemento económico e social da comarca.

