Ourense Cidade

O plan "Movete por Ourense" confirma proxectos para reforma de ruas

Entre as rúas que se someterán a intervencións para mellorar o seu estado actual destacan arterias como Marcelo Macías ou Progreso, pero tamén vías coma Concordia, As Caldas ou Río Arnoia

ondacero.es

Ourense | 24.01.2019 08:13

Marcelo Macias, unha das avenidas que serán reparadas
Marcelo Macias, unha das avenidas que serán reparadas | Faro de Vigo

Os proxectos para reformar as rúas de titularidade autonómica para que se adapten á aposta pola mobilidade e á pacificación do tráfico que supón o proxecto Móvete por Ourense “van por moi bo camiño e están moi avanzados”, tal e como se comprobou na última xornada de traballo mantida cos responsables da Xunta.

Así se constatou tras unha intensa reunión de case tres horas, na que participaron o director da Axencia Galega de Infraestruturas, a xefa territorial da Consellería de Infraestruturas, técnicos municipais e o concelleiro de Infraestruturas, José Araújo. Neste encontro analizáronse os proxectos que existen para mellorar as vías de titularidade autonómica, a maioría deles xa rematados e listos para a súa execución.

Durante a reunión analizáronse, un por un, os proxectos para que as rúas que son de titularidade da Xunta se adapten ás necesidades da cidadanía, con especial fincapé por darlle resposta ao proxecto “Móvete por Ourense”. Trátase de dar corpo a unha proposta que contou coa participación de preto de 10.000 ourensáns, e que presentou unha batería de 21 accións concretas para acadar un modelo de cidade no que o coche perda protagonismo a favor das persoas.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez sinala que “seguimos sentando as bases para a gran transformación da nosa cidade no vindeiro mandato e para convertela nun referente nacional en materia de seguridade viaria, dando resposta ás peticións feitas polos propios veciños a través dunha iniciativa tan ambiciosa como é Móvete por Ourense”. “É un modelo de convivencia grazas ao que toda a cidadanía sairá reforzada”, recorda Jesús Vázquez. “Un

programa”, di, “para construír unha cidade con vontade e valentía e no que toda a cidadanía conta, e suma”.

“Son proxectos que van a supoñer un gran investimento por parte da Concellería de Infraestruturas e que están moi a avanzados. Nalgúns casos pendentes da próxima licitación, da finalización do proxecto ou, noutros casos e dada a complexidade e importancia da inversión, atópanse nun estadio medio”, explica o rexedor.

Entre os proxectos que se atopan máis avanzados destacan as reformas en arterias fundamentais para o tráfico da cidade como son as rúas Marcelo Macías, Progreso e Otero Pedraio; esta última xa en marcha, e na que se está a dar resposta ás demandas veciñais para mellorar a mobilidade e a fluidez da circulación na contorna.

Tamén na segunda fase da mellora da seguridade viaria na estrada Ourense-A Ponte Noalla (OU-105) en Seixalbo, que executa a Xunta de Galicia e que suporá actuacións na zona próxima ao tanatorio. Unha obra que o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, recorda que “vai supoñer unha mellora substancial na seguridade viaria e da calidade de vida nesta zona da cidade, dando resposta a unha vella demanda da veciñanza.

Pero ademais, na reunión déronse importantes pasos adiante na mellora da rúa Concordia, a Avenida das Caldas, Río Arnoia, así como no proxecto da senda peonil de Reza.

As obras previstas nestas vías de titularidade autonómica contemplan implementar medidas en materia de accesibilidade, así como a reforma dos elementos deteriorados co paso dos anos. Pero incidirán especialmente na procura da seguridade de peóns e do tráfico.

Os proxectos, que xa están en marcha e que se irán anunciando en próximas datas, serán executados pola Xunta de Galicia (titular das rúas), baixo supervisión do Concello de Ourense.