Premio

Paco Sarria, de Onda Cero Ourense, Premio Carracedo de Xornalismo

Diego Freire a Diario do Támega tamén distinguidos

Redacción

Ourense |

Paco Sarria, de Onda Cero
Paco Sarria, de Onda Cero | Onda Cero

O xornalista ourensán Francisco González Sarria é o gañador da distinción honorífica pola súa destacada traxectoria profesional na 35 edición do Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, que anualmente concede a Deputación de Ourense. Cunha dilatada carreira de máis de corenta anos no mundo da información, o xurado valorou de modo particular o seu estilo de comunicación da realidade “cun enfoque centrado en Ourense e co emprego da lingua galega como ferramenta comunicativa e nexo cultural”.

Ademais da súa faceta como informador, o xurado tamén ten en conta o destacado labor de defensa activa e comprometida da profesión, exercendo durante oito anos como decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e na actualidade como vicedecano terceiro.

Así, o xurado subliña a vocación xornalística de Paco Sarria, a coherencia e honestidade no traballo diario e a permanencia no oficio en épocas e contextos diversos, así como o compromiso cos valores da profesión e a defensa do colectivo.

Francisco González Sarria é unha das voces máis recoñecidas e experimentadas da radio en Galicia, cunha ampla traxectoria que iniciou

en Ondas Galicia, despois como xefe provincial de informativos na COPE e logo como delegado da TVG en Ourense. En 1991 puxo en marcha Radio Miño, vencellada a Onda Cero, emisora na que segue a desenvolver o seu traballo. Tamén foi redactor e correspondente en La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, Axencia EFE e El País.

O premio ao mellor traballo xornalístico, dotado con 4.000 euros, foi para Diego Freire Fernández, do dixital Noticias Dispersas, polo documental “Quen contamina a Limia”. Un traballo de investigación e produción que, segundo destaca o xurado, “inclúe todas as perspectivas, nun labor ben estruturado, sinxelo de seguir, con datos de fácil comprensión, e cun transfondo moi interesante por se tratar dun asunto de interese para a sociedade”.

O fallo valora o esforzo á hora de facer ameno e entretido este documental, algo que o autor ten como marca persoal, “mesturando humor coa rigorosidade xornalística, non sempre doado”. Tense en conta ademais a traxectoria do dixital “Noticias Dispersas”, “que en cinco anos alcanzou un importante grado de credibilidade e converteuse en referente informativo para moita xente que segue novos formatos xornalísticos”.

Dotado con 1.000 euros, o accésit ao segundo mellor traballo foi para Xosé Lois Colmenero, do dixital Diario do Támega, por "Ourense baixo o lume: compromiso, risco e resultado".

“Un traballo moi completo en diversos formatos”, apunta o xurado, do labor de seguemento de información local que fai habitualmente o xornalista e o seu equipo. Dende un medio pequeno, “como xornalismo de estar e pegado á veciñanza, non perde a perspectiva crítica nos asuntos transcendentes que lles afectan, como neste caso os lumes forestais”.

O xurado do XXXV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo estivo presidido polo vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e deputado de Cultura, César Fernández, e como vogais Alba Silva, vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela; Paulino Pérez, vicedecano da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo; Javier Fraiz, en representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e Xulia Campos como presidenta da Asociación de Xornalistas de Santiago (Federación de

Asociacións de Periodistas de España), actuando como secretario o asesor de Comunicación da Deputación de Ourense, Alberto Carnero.

O premio entregarase no transcurso dun acto que organizará proximamente a Deputación e que se comunicará oportunamente.