Cultura

O Servizo de "A Furgoteca" dobra o numero de usuarios no ultimo ano

Anxo M. Lorenzo enxalza a contribución á accesibilidade cultural deste servizo, que percorre 30 concellos do rural de Lugo e Ourense, de menos de 20.000 habitantes.

Onda Cero Ourense

Ourense |

O Servizo de "A Furgoteca" dobra o numero de usuarios no ultimo ano
O Servizo de "A Furgoteca" dobra o numero de usuarios no ultimo ano | Xunta de Galicia

O servizo das Bibliotecas Móbiles da Xunta de Galicia, A Furgoteca, rexistra na actualidade 2.648 persoas usuarias, o que supón máis do dobre de carnés que tiña en 2024. Así o salientou hoxe o director xeral de Cultural, Anxo M. Lorenzo, quen, co gallo do Día das Biblioteca Móbiles, asistiu a unha das súas actividades de dinamización lectora, que organiza este servizo no colexio Rogelio García Yáñez, situado no municipio ourensán de Ramirás.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que A Furgoteca púxose en marcha en 2023 en 20 concellos do rural de Lugo e do sur de Ourense. Trátase, tal e como incidiu, de municipios de menos de 20.000 habitantes sen servizo de biblioteca, “acadando un grande éxito de acollida, tal e como reflicte que en 2024 xa rexistraba 1.764 persoas usuarias, máis de 17.200 préstamos e un total de 12.392 visitantes”.

Ante estas cifras, Anxo M. Lorenzo explicou que, a principios de 2025, a Xunta incorporou unha terceira ruta, coa que se lle ampliou este servizo de dinamización lectora a outros dez municipios de Ourense occidental, “ao abeiro da pioneira Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia que procura achegar a cultura a todas as persoas, independentemente do seu lugar territorial e condicións socieconómicas, cognitivas o comunicativas”.

Dinamización cultural no interior e rural galego

Deste xeito, con estas tres rutas, A Furgoteca conseguiu en 2025 “dobrar o número de usuarios, ao tempo que incrementar nun 37,5 % os préstamos e nun 48,7 % o número de visitantes”, celebrou o director xeral de Cultura, quen enxalzou a “significativa contribución dese servizo á accesibilidade e dinamización cultural no rural e interior do territorio galego”.

En concreto, a ruta de Lugo de A Furgoteca leva propostas de lecer para todos os públicos nos municipios de Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela. Pola súa banda, o percorrido que realiza a de Ourense Sur permite achegarlles accións de dinamización lectora á poboación dos concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós.