A Asociación celebrou un novo acto solidario no marco da campaña anual de apoio e sensibilización fronte ao cancro de mama. Nesta ocasión, tivo lugar a quinta edición do partido benéfico entre o EFF Rosalía e o equipo Mulleres de Ourense, que se disputou no Campo Municipal de Oira, logrando unha recadación final de 2.735 euros.
A contía, obtida a través das entradas, achegas de patrocinadores, colaboradores e a fila cero, destinarase integramente a apoiar programas de investigación, prevención, diagnóstico precoz e acompañamento a pacientes afectados por cancro de mama na provincia.
O acto oficial de entrega do cheque celebrouse onte no Campo Municipal de Oira e contou coa presenza de representantes institucionais, deportistas e membros da sociedade ourensá. Durante o evento, o presidente da Asociación en Ourense, Germán Rodríguez‑Saá, destacou a importancia deste tipo de iniciativas:
“Cada ano, este partido demostra que Ourense é unha provincia solidaria e comprometida. Grazas ao apoio de clubs, xogadoras, institucións, patrocinadores e cidadanía podemos seguir avanzando na loita contra o cancro de mama e acompañando a quen máis o necesita”.
Tamén participaron no acto diversas autoridades e xogadoras: responsables do EFF Rosalía, representantes da Xunta de Galicia, Deputación de Ourense e Concello de Ourense, ademais de concelleiras, xogadoras do equipo Mulleres de Ourense, membros da Policía Local e numerosas persoas colaboradoras que fixeron posible esta nova edición.
Este evento solidario reafirma o compromiso da sociedade ourensá na loita contra o cancro de mama, impulsando accións que permiten mellorar a investigación, apoiar ás persoas afectadas e seguir avanzando cara a un futuro sen cancro.

