O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou para o ano 2026 o inicio da construción do que será o primeiro instituto do Pereiro de Aguiar. En concreto, detallou que o proxecto básico xa está redactado, supervisado e enviada a solicitude de licenza ao Concello. “Así as cousas, a previsión é que as obras se poidan licitar, adxudicar e iniciar dentro do ano próximo”, explicou. Aínda faltan algúns detalles por pechar no proxecto, que determinarán o investimento definitivo para construír este centro.
O conselleiro puxo en valor as contas da comunidade autónoma para o vindeiro ano, que superan por primeira vez na historia a barreira dos 14.000M€ e poñen o foco no reforzo dos servizos educativos públicos e gratuítos e da I+D+i. “Os Orzamentos de 2026 reafirman a aposta que a Xunta fai pola mocidade, polo futuro de Galicia e polo coñecemento como motor de desenvolvemento do país”, afirmou.

Case 400 alumnos e 4.800m²
Segundo a planificación provisional, o instituto contará con máis de 4.800m² construídos e preto de 750m² de espazos exteriores, nunha parcela cedida polo Concello de 20.000 m². Estará deseñado en base aos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica, con espazos flexibles e multidisciplinares, e terá capacidade para 380 alumnos de ESO e Bacharelato.
Román Rodríguez destacou que este centro “vén cubrir unha demanda da veciñanza do Pereiro de Aguiar, en concreto evitar que os estudantes teñan que desprazarse a outros concellos para cursar a Educación Secundaria Obrigatoria e o Bacharelato”. “Coa creación deste centro contribuímos a incrementar a proximidade do ensino educativo galego, que xa é líder en España neste eido”, salientou o conselleiro.

