Ourense Cidade

O Psoe esixe a Jacome a posta en marcha dun plan de rescate cultural

Aseguran que Ourense é a única das sete grandes cidades galegas que non contou con programación por parte do Concello en datas tan sinaladas como o Día das Letras ou o Centenario da Xeración Nós

Óscar Gómez

Ourense | 02.06.2021 08:08

O Psoe esixe a Jacome a posta en marcha dun plan de rescate cultural
O Psoe esixe a Jacome a posta en marcha dun plan de rescate cultural | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense levará unha moción ao pleno municipal deste venres para denunciar a “descapitalización cultural da capital de Ourense” e anuncia que esixirá a Jácome a posta en marcha inmediata dun plan de rescate que contemple investimentos culturais para os vindeiros seis meses.

“Jácome di que os investimentos culturais son gastos innecesarios que suporán un importante aforro para as arcas municipais. Pero para destinalos a que? Cal é a alternativa cultural á nada?”

Os socialistas lamentan que, dende o inicio do actual mandato, o microgoberno de Jácome emprendeu un “baleirado progresivo” de espazos e recursos materiais, técnicos e humanos, poñendo como exemplo importantes citas eliminadas polo rexedor como foron o Festival Internacional Pórtico do Paraíso, o Festival de Música en Clave de Cámara, a Banda de Música, o Festival Corpo a Terra, as Xornadas de Banda Deseñada, a FITO, a MOTI, a MITEU, o Outono Fotográfico ou o Verán Cultural, entre outras.

“A isto cómpre engadir as entregas a outras institucións, como é o caso do Festival de Cine ou como acontecerá co edificio anexo á Escola Municipal de Teatro e Música de Ourense, dos que o goberno local quere desentenderse; ademais da teima obsesiva do alcalde por burocratizar os espazos culturais converténdoos en oficinas, como quixo facer coa UPO e coa Sala Valente”, abundou Rúas.

Os socialistas aseguran que o alcalde aínda non revelou a que programas e actividades vai destinar o suposto “aforro económico” das partidas destinadas á cultura, máis alá de “organizar un macroconcerto de Jeniffer López ou a súa proposta fracasada de lanzar un bono cultural para asistir ao dramático espectáculo da agonía e morte da cultural na cidade”.

Ademais, dende o grupo municipal socialista aseguran que, mentres Jácome “extermina a cultura en Ourense”, todas as demais grandes cidades galegas retomaron a súa programación cultural habitual, con motivo de datas tan sinaladas como a celebración do centenario da Xeración Nós –coa que o exconcelleiro de DO, Mario González, comprometera 100 000 euros de investimento por parte do Concello– o día das Letras Galegas –celebración que en Ourense non contou con programación propia por parte do Concello– ou as festas patronais, que están a celebrarse nas restantes capitais galegas.

Así as cousas, os socialistas tachan de “culturicidio” a posición do microgoberno e esixirán que o Concello proceda a dotar e pór en marcha “canto antes” un plan de investimento cultural para o último semestre deste ano. “Trátase dunha moción de rescate cultural para unha cidade que é un deserto. Dende o PSdeG-PSOE queremos repoboar e reforestar de cultura a terceira cidade de Galicia, que con Jácome está a ermo”, concluíu o voceiro municipal socialista, Rafa Villarino.