O PSdeG-PSOE denunciou hoxe que Manuel Baltar está a ignorar as severas advertencias que o Consello de Contas detallou nun informe, tras agravar, ao longo dos últimos tres anos, a “trama millonaria” de “contratos a dedo” que mantén na Deputación de Ourense. “Levamos anos denunciando, co aval do Consello de Contas, esta trama de adxudicacións fragmentadas de forma presuntamente irregular”, proclamaron.
Os e as socialistas destaparon como só cinco empresas (Manuel Viso e hijos; Camiños de Ourense; Coviastec; Explotacións Medioambientais e Cruzval) acumularon o 65 % dos contratos menores adxudicados pola institución provincial. É dicir: estas empresas recibiron a dedo e sen concurso público do goberno de Baltar, máis de 9,6 dos 14,8 millóns adxudicados nos anos 2020, 2021 e no que vai de 2022. Estas cifras, que cualificaron como “absolutamente escandalosas”, tamén destapan que, dos 425 contratos menores tramitados, 262 foron parar sen concurso algún a estas empresas.
O voceiro provincial, Rafa Villarino, asegurou que “é sospeitoso que pasen os anos e que cheguen advertencias de todas partes, pero que non se faga nada, polo que xa nos fai temer algo máis”, ante unha “realidade” que definiu como “bastante escandalosa”, porque “ aparte de ser honrado hai que parecelo e aquí non parece moi honrado o que se está a facer”.
O grupo socialista defenderá unha iniciativa no pleno de novembro na que “dicimos que ten que acabar esta práctica, que ten que adecuarse a legalidade e que se ten que tirar polo beneficio da administración e da cidadanía, con procedementos abertos que proporcionen oportunidades ás empresas e maior rédito a administración pública”, explicou o voceiro antes de sinalar que “reservan outras accións legais”.
Villarino resaltou que “non ten que haber sospeitas de acordo entre empresas e administración pública e o que ten que haber é absoluta transparencia, claridade e xustificación motivada real de que non existe, por un lado, fraccionamento e, por outro lado, de que estas obras son necesarias” antes de remachar que “imos tentar rematar con esta trama de contratos menores inxustificada e inxustificable”. “Estamos estudando posibles vínculos, xa que creemos que ten que existir algún vínculo para que Manuel Baltar actúe deste xeito”, advertiu.
O vicevoceiro, Nacho Gómez, tamén cualificou de “escándalo absoluto” esta situación “irregular” xa que “hai un fraccionamento de contratos para unha mesma obra que é un fraude de lei claro”. “Imaxinen que o Estado, para facer un viaduto do AVE, fracciona a obra en 10.000 contratos para que o ministro de turno os dea a dedo”, exemplificou o deputado antes de indicar que “non deixan aos concellos contratar directamente as obras, impoñendo condicións económicas inasumibles, limitando así a democracia e adxudicando el todo a dedo”. “Isto son datos e onde hai contas, non hai contos”, concluíu.
Estas adxudicacións masivas a dedo agraváronse desde a chegada de Manuel Baltar á presidencia. Nos últimos tres anos, o goberno provincial fixo oídos xordos e afondou nesta “trama”, xa que este mesmo proceder e estas mesmas empresas, xa foron sinaladas polo máximo órgano fiscalizador de Galicia.
Baltar ignora ao Consello de Contas
En 2021, os e as socialistas denunciaron que Contas avalou a denuncia do PSOE rexistrada un ano antes, na que xa detallaban este carrusel de irregularidades en contratos e subvencións. Daquela relataron como o informe constatou que a contratación menor a dedo e sen publicidade é o procedemento ordinario de adxudicación, superando o 80% do volume. Contas tamén destapou que o procedemento máis empregado para distribuír subvencións foi a concesión nominativa –o 84 % do total–, un proceder que incumpre a Lei Xeral de Subvencións na que se estipula que o procedemento ordinario debe ser a concorrencia competitiva.