Deporte Galego

Proceso de eleccións das Federacións Deportivas Galegas

O proceso de eleccións saldouse con 15 novas presidencias e a renovación doutas 42. As federacións deportivas galegas recibirán o investimento autonómico máis elevado da historia con 5M€.

Óscar Gómez

Ourense | 20.02.2023 09:01

Proceso de eleccións das Federacións Deportivas Galegas
Proceso de eleccións das Federacións Deportivas Galegas | onda cero

As 59 federacións deportivas galegas veñen de realizar un novo proceso electoral que supuxo a designación de 15 novas presidencias e a renovación doutras 42. Só quedan pendentes de pechar os seus procesos a Federación Galega de Aeronáutica e a de Baile Deportivo. Os mandatos teñen unha duración de 4 anos e adoitan renovarse nos anos que se celebran os Xogos Olímpicos de Inverno, como os de Beijing de febreiro do ano pasado.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, está a recibir os novos presidentes e presidentas para coñecer as súas demandas e abordar posibles liñas de colaboración coa Xunta de cara a esta tempada. Nos últimos días recibiu os recentes presidentes nomeados das federacións galegas de atletismo, Iván Pablo Sanmartín; automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño; hóckey, Roberto Baratta e Tríatlon e Péntatlon Moderno, Javier Campos. Ademais, continuará a reunirse cos representantes das federacións que renovaron os seus cargos para os próximos anos.

Tamén estrean presidencia Guillermo José Ferreiro na Federación Galega de Actividades Subacuáticas; Julio Berárdez, na de baloncesto; Luis Eusebio Fidalgo, na de caza; Enrique Freire, na de colombofilia; Gonzalo Villarmea, na de espeleoloxía; Josefina Maetsu, na de montañismo; Sonia Gómez Naya, na de orientación; José Luis Méndez, na de remo; Nuria Castro, na de tenis de mesa; Álvaro Concheiro, na de tiro ao voo; e Julio Rivas, na de tiro olímpico.

Ademais, tras o novo proceso cinco mulleres serán presidentas federativas. Ás presidentas de orientación, montañismo e tenis de mesa, que renovaron os seus cargos, súmanse María Jesús Vázquez, como nova presidenta da Federación Galega de Patinaxe e Nuria Rodríguez da de salvamento e socorrismo.

Cómpre destacar que neste 2023 as federacións deportivas galegas recibirán o investimento autonómico máis elevado da historia con máis de 5M€ destinados aos 59 convenios. Supón un 8% máis que os 4,7M€ investidos o ano pasado.