Concurso

Gadis lanza un concurso en TIKTOK para potenciar o uso do galego

Os obxectivos son visibilizar o talento da xuventude galega e premiar o esforzo de crear contidos orixinais en galego para promover o uso deste idioma en novas plataformas como TikTok.

Óscar Gómez

Ourense | 14.07.2023 07:51

Gadis lanza un concurso en TIKTOK para potenciar o uso do galego
Gadis lanza un concurso en TIKTOK para potenciar o uso do galego | onda cero

Supermercados Gadis lanza Orixe Zeta, I Concurso Gadis de Nova Creatividade Galega, no marco do convenio asinado coa Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura. O fin é promover o emprego do galego entre a mocidade, ademais de poñer en valor o seu talento creando contidos orixinais neste idioma nas súas redes sociais.

Esta iniciativa está dirixida a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos, que deberán publicar un vídeo orixinal en galego de menos de 60 segundos en TikTok. Terá que encaixar nalgunha das seguintes disciplinas: música, poesía, creatividade audiovisual ou creatividade gráfica e compartilo na web www.gadisorixezeta.gal. O prazo para participar neste concurso xa está aberto ata o próximo 17 de setembro.

O xurado elixirá dous gañadores: para o vídeo co mellor contido e para o que goce de mellor calidade técnica. Serán agasallados cun iPhone® 13, MIDNIGHT 128 GB e uns airpods. Entre o resto de participantes, sortearanse 10 vales de compra por valor de 50 euros para utilizar nos establecementos Gadis.

Compromiso coa cultura galega

O desenvolvemento deste concurso enmárcase no compromiso de Gadis coa cultura galega dando continuidade no tempo ás accións que leva a cabo ao fío do Día das Letras Galegas. Para achegarse á xeración Zeta, elixiu levar a cabo esta iniciativa nunha das plataformas dixitais que máis empregan no seu día a día, de xeito que poidan expresar o seu talento utilizando este idioma. Preténdese tamén propiciar un espazo inspirador, no que se sintan valorados por amosar a súa creatividade no idioma propio.

Esta acción súmase ao recente lanzamento do 4º Concurso de Microrrelatos de Gadis, coa natureza como tema central. Todavía está aberto o prazo de participación, ata o 31 de agosto, para enviar textos breves en galego ou castelán. A compañía 100% galega leva máis de dúas décadas impulsando accións e apoiando acontecementos para poñer en valor o acervo cultural de Galicia.