O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou a unidade móbil do programa ‘Coidados porta a porta’ da Consellería de Política Social e Xuventude que estará emprazada ata mañá no concello de Melón.
O delegado territorial informou que unha segunda unidade está atendendo aos veciños de San Amaro e que as próximas paradas na provincia de Ourense serán nos concellos de Beade, Cenlle, A Arnoia, Castrelo de Miño, Barbadás, Punxín, Toén, Cartelle, A Merca, Ramirás, Allariz, Celanova, Xunqueira de Ambía, A Bola, Sarreaus, Vilar de Santos e Trasmiras.
A unidade móbil, que xa atendeu na provincia a máis de 10.300 persoas, percorre todos os concellos ourensáns, excepto o da capital, e ofrece consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria ás persoas maiores de 55 anos, con cita previa e de xeito gratuíto. No conxunto de Galicia, atendeu a máis de 35.000 persoas durante o último ano.
A cita pode solicitarse nos teléfonos 622 748 283 - 623 546 992 ou no correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.