A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou a repartición de axudas por un importe próximo a 1 M€ (998.298,19), destinados á cooperación cos concellos y entidades, así como a facilitar o acondicionamento de fogares de persoas maiores.
Este último capítulo correspóndese coa resolución da segunda convocatoria de axudas destinadas á reforma de vivendas e adquisición de equipamento técnico para maiores de 65 anos e que tiña unha dotación económica de 150.000 €, o que supuxo un aumento do 50 % con respecto á primeira edición deste programa. Así, concedéronse un total de 70 axudas que permitirán mobilizar máis de 225.000 euros en obras de mellora das vivendas.
A resposta a esta convocatoria foi rotunda, pois presentáronse 300 solicitudes e o crédito esgotouse ao día seguinte da apertura do prazo. Unha demanda que confirma “a necesidade real deste tipo de axudas entre as persoas maiores, e que reforza a aposta da institución por manter e ampliar esta liña de apoio”, declarou o presidente da Deputación, Luis Menor, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno.
“Estas achegas destínanse a paliar os condicionantes que máis inflúen no día a día das persoas maiores no seu fogar”, explicou Luis Menor, sinalando que as obras máis solicitadas foron as de mellora da habitabilidade, seguidas de accesibilidade e adquisición de axudas técnicas.
En conxunto, oito de cada dez euros concedidos (120.000 €) son para investimento en obra e equipamento, mentres que os 30.000 € restantes cobren gasto corrente, “o que garante que o groso da axuda se traduza en melloras materiais e duradeiras”, apuntou o presidente provincial.
Cada persoa beneficiaria recibirá unha contía media de 2.142,86 €, e máis da metade, o 54,3%, alcanzou a cantidade máxima de 2.500 € por solicitude (este ano tamén incrementouse a axuda máxima en 500 €).
O impacto do programa repártese por toda provincia, alcanzando o 30% dos 91 municipios da provincia, encabezados por Ribadavia, A Veiga, Piñor e Pereiro de Aguiar, que concentran o maior número de persoas beneficiarias. A estes concellos séguenlle A Gudiña, A Mezquita, Amoeiro, Avión, Castrelo do Val, Cenlle, Esgos, Leiro, Lobios, Manzaneda, Maside, Melón, Muíños, Nogueira de Ramuín, O Carballiño, Oimbra, Parada de Sil, Riós, San Cristovo de Cea, Sarreaus, Trasmiras, Verín, Viana do Bolo e Xunqueira de Ambía.
O obxectivo último destas intervencións é facilitar a mobilidade e a autonomía dos maiores no seu domicilio, para que poidan prolongar a súa residencia na vivenda habitual, na súa contorna e coa súa xente. Trátase en definitiva, destacou o presidente provincial, “de acompañar un envellecemento activo, seguro e digno, evitando desprazamentos non desexados e reforzando o arraigamento ao territorio”.
Con esta liña de axudas, a Deputación de Ourense consolida “unha política orientada ao benestar das persoas maiores, un dos colectivos máis numerosos da provincia, apostando por facilitar o envellecemento na súa propia casa e no seu concello”, subliñou Luis Menor.

