Reciclaxe

O Concello de Ourense e Ecoembes presentan un sistema que recompensa os cidadáns por reciclen no contedor amarelo

Con este Sistema de Devolución e Recompensa (SDR), os preto de 104.600 ourensáns poden obter premios sostibles e sociais ao reciclaren as súas latas e botellas de plástico de bebidas nos máis de 870 contedores amarelos situados na vía pública.

Óscar Gómez

Ourense | 10.03.2023 12:48

O Concello de Ourense e Ecoembes presentan un sistema que recompensa os cidadáns por reciclen no contedor amarelo
O Concello de Ourense e Ecoembes presentan un sistema que recompensa os cidadáns por reciclen no contedor amarelo | onda cero

A cidadanía de Ourense comprometida coa reciclaxe poderá obter recompensas ao reciclar as súas latas e botellas de plástico de bebidas. Isto é posible grazas á aposta do Concello de Ourense por RECICLOS, o Sistema de Devolución e Recompensa (SDR) desenvolto por Ecoembes.

Así presentouse RECICLOS, nun acto no que participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, xunto a Fernando Blázquez, xerente de Ecoembes en Galicia, e Germán Rodríguez Sáa, presidente da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en Ourense. En concreto, este sistema de reciclaxe premia a cidadanía recicladora con incentivos cos que poderán axudar a quen máis o necesita ou mellorar a súa contorna, mentres seguen fomentando a circularidade dos envases: é dicir, darlles unha nova vida a través da reciclaxe.

Deste xeito, os preto de 105.703 veciños e veciñas de Ourense poderán reciclar as súas latas e botellas de plástico de bebidas nun dos 871 contedores amarelos das rúas da cidade -aos que se lles incorporou tecnoloxía- e obter puntos para colaborar con asociacións sociais e ambientais. Así, poderán doar os seus puntos RECICLOS a Aldeas infantís, para axudar ás familias sirias afectadas polo terremoto, así como a Cruz Vermella Mocidade, para impulsar o éxito escolar de nenos e nenas en dificultade social, ou á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) para poder achegarlles os recursos necesarios aos pacientes de cancro e ás súas familias. Neste sentido, o seu presidente Germán Rodríguez-Saá manifestou sentirse “absolutamente aliñado con esta campaña, que ademais do sentido solidario ten un carácter sostible”.

Ademais, desde o 9 ata o 18 de marzo, varios monitores percorrerán as rúas de Ourense para informar sobre RECICLOS e animar os cidadáns a reciclar as súas latas e botellas de plástico de bebidas a través deste Sistema de Devolución e Recompensa (SDR).

O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome manifestou que “desde Concello de apoiamos esta magnífica iniciativa. Apostamos pola reciclaxe. Nunca se fixera un despregamento tan grande para este tema, apoiado ademais nas novas tecnoloxías, en puntos tremendamente visibles como esta Praza do Bispo Cesáreo. Queremos fomentar a reciclaxe a tope”, concluiu o rexedor.

Polo seu lado, Fernando Blázquez, xerente de Ecoembes en Galicia, sinalou que “lle agradecemos profundamente ao Concello de Ourense a súa confianza ao apostar por RECICLOS, e a todos os galegos pola gran acollida que tivo este sistema. Os ourensáns cada vez reciclan máis e mellor e agora, grazas a RECICLOS, este sinxelo xesto impacta positivamente sobre o medio ambiente e tamén sobre a nosa contorna”.

Ademais de Ourense, este SDR está presente noutras cidades e municipios galegos, como Santiago de Compostela ou Lugo. Así mesmo, RECICLOS conta con distintas máquinas na rexión, localizadas en varios centros comerciais da comunidade, como Ponche Vella (Ourense), A Laxe (Vigo) ou Parque Ferrol (A Coruña), así como na Universidade de Santiago de Compostela ou o Hotel Cemar en Pontevedra.

Así funciona RECICLOS.

Para facer uso deste sistema, a cidadanía só ten que descargar a app gratuíta RECICLOS e, en casa, escanear o código de barras da lata ou botella de plástico que queren reciclar antes de tiralo ao cubo. Unha vez na rúa, cando acudan ao contedor amarelo coa súa bolsa de envases, deben depositala alí e escanear o código QR que hai no contedor.

Este SDR tamén conta con máquinas nas que os usuarios só deben depositar todas as súas latas e botellas de plástico de bebidas nunha máquina de RECICLOS e escanear o QR que mostrará a máquina. Ao utilizar os contedores amarelos ou as máquinas, os usuarios obterán puntos, denominados RECICLOS, que poderán cambiar polas distintas recompensas.