Ourense capital

O Concello ampliará o peche de terrazas de xoves a domingo

O alcalde firmará un decreto para os meses de agosto e e de setembro, fixando para o resto da semana unha hora antes, e así darlle resposta aos problemas causados pola Covid 19

Adriana Ochoa Arévalo

Ourense | 28.07.2020 09:34 (Publicado 28.07.2020 09:23)

Sala de plenos del Concello
Sala de plenos del Concello | Concello de Ourense

O Concello de Ourense, a través de un decreto de Alcaldía, ampliará o peche das terrazas na vía pública até as 2:30 horas da madrugada, dende o xoves ata o domingo, ambos incluídos, durante os meses de agosto e setembro, mentres que o resto dos días de semana o peche será unha hora antes, ás 1:30 horas da madrugada. Así o comunicou o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, ao remate dunha xuntanza celebrada esta tarde, e que reuniu a Federación Provincial de Hostalería e a Unión de Hosteleiros de Ourense (U.H.O) dunha banda, xunto con colectivos veciñais coma as asociacións Cimbrorrio, Casco Vello e Miño, doutra banda, e que contou coa presenza do representante da área Comercial Centro, e as concelleiras de Urbanismo, Sonia Ogando, e de Seguridade, María Fernández Dibuja.

A decisión foi posible despois de escoitar as diferentes posturas, e logo de que o goberno fixese o posible por arbitrar unha solución para os dous meses de verán que restan. Para Pérez Jácome é “unha boa medida para todos, no senso de conciliar o ocio e o descanso dos veciños”, así como para contribuír a paliar os efectos da Covid 19 no sector da hostalería. O alcalde tamén asumiu o compromiso, tal e como solicitou o representante da asociación Cimborrio, de que se avanzase nas novas ordenanzas de veladores -instalación de terrazas en chan público-, así como na instalación de cámaras de vídeo vixilancia e sonómetros na rúa para detectar o ruído e poder adoptar medidas.

Petición

Por outra banda, os colectivos presentes na xuntanza acordaron presentar un escrito ante a Subdelegación do Goberno solicitando que, ante o problema da Covid 19, se reforce o labor da Policía Local por parte da Policía Nacional, poñendo a disposición todos os efectivos e medios posibles. Exponse a elaboración dun plan de actuación conxunto que ofreza a seguridade e protección carentes no dia de hoxe -como advirten que acontece-, e que podería incluír tamén a Policía Autonómica.

Neste sentido, fixeron referencia ao uso adecuado de máscaras, aglomeracións nas terrazas, cumprimento dos horarios e da actividade por parte da hostalaría, e controis policiais para evitar a masificación de xente. A UHO reclamou que “se sancionen a todos aqueles que incumpren”, deixando claro que “non queremos volver á fase dúas, que sería a ruína para todo o colectivo”, en alusión aos efectos do confinamento.

Cimborrio quixo pór de manifesto a este respecto o recoñecemento á “valentía e coraxe” da concelleira de Urbanismo, Sonia Ogando, por seguir cos expedientes sancionadores que derivan no precinto dos locais que incumpren, como aconteceu no día de hoxe con A Botica.