Termalismo

Comezan os traballos da captación termal protexida no interior do Pazo Provincial

Manuel Baltar supervisou as obras de prospección, primeiro paso cara ao emprazamento neste edificio do gran hotel termal da cidade de Ourense

Óscar Gómez

Ourense | 22.04.2021 08:05

Comezan os traballos da captación termal protexida no interior do Pazo Provincial
Comezan os traballos da captación termal protexida no interior do Pazo Provincial | onda cero

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, supervisou o comezo dos traballos da captación termal protexida que se están levando a cabo no Pazo Provincial como primeiro paso para o futuro emprazamento neste edificio do gran hotel termal da cidade, iniciativa que impulsa o propio presidente do goberno provincial.

“Hoxe é un día importante no Pazo Provincial”, destaca Baltar, salientando que o obxectivo desta captación “é comprobar que existe caudal suficiente para unha instalación termal con sede no propio Pazo Provincial”. “Trátase da maior aportación que fai a Deputación a prol do termalismo de Ourense desde a posta en marcha do plan “Ourense, a provincia termal”, para poder contar, se a captación da os resultados esperados, cun dos mellores balnearios de Europa, que vai supoñer un antes e un despois na historia da cidade; o digo como presidente da Asociación de Cidades Históricas Termais, como coñecedor da magnitude dos grandes balnearios de Europa, pois ter un balneario no centro da capital ourensá, na principal zona comercial e a metros das Burgas, a fonte que deu orixe a cidade, é unha gran aposta”, expresa Manuel Baltar.

O presidente da Deputación agarda que este traballo dea os seus froitos, “e, en paralelo, estamos a traballar no anteproxecto que encargamos para facermos unha idea de como pode ser esa gran instalación termal de Galicia e de España no que se convertería o Pazo Provincial”. Nesta liña, comenta que esta medida vén dada “ante a situación urbanística da cidade e a falta de ubicación dunha parcela, polos problemas burocráticos e administrativos que poidan existir; esta é a solución rápida e óptima: unha edificación no centro urbano que, sen dúbida, lle vai a dar un plus á cidade e á provincia de Ourense, o territorio termal con maior potencial de Europa”, afirma Baltar.

Os traballos de prospección de augas subterráneas iniciados hoxe teñen como obxectivo a realización dun pozo de barrena de 150 metros de profundidade máxima, e unha vez rematado o sondeo realizarase a avaliación hidráulica, microbiolóxica e fisicoquímica dos resultados. O método de perforación, de acordo coas series litolóxicas que se agardan atravesar, é o de rotopercusión con martelo en fondo e limpeza por aire a presión, sen utilizar lodos nin aditivos, segundo o informe técnico.