Cultura

Retrospectiva do artista galego Manuel Pesqueira no Marcos Valcarcel

A mostra do tamén coñecido como “o pintor zurdo” permanecerá aberta ata o 8 de maio e inclúe traballos nunca expostos ata agora

Óscar Gómez

Ourense | 24.03.2022 09:24

O Centro Cultural Marcos Valcárcel presenta unha retrospectiva do artista galego Manuel Pesqueira
O Centro Cultural Marcos Valcárcel presenta unha retrospectiva do artista galego Manuel Pesqueira | onda cero

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle desde hoxe a exposición Pesqueira. Ser, unha retrospectiva do artista galego Manuel Pesqueira (1911-1988), tamén coñecido como “o pintor zurdo”, que inclúe obras nunca expostas ata agora e mesmo con soportes pouco habituais para a pintura.

O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández; o comisario da exposición, Alberto Carton; a familiar do pintor Celsa Pesqueira e o director do centro cultural, Francisco González, inauguraron esta tarde a mostra, que permanecerá aberta ata o próximo 8 de maio.

César Fernández destacou a obra dun artista “que soubo plasmar as escenas cotiás do campo galego, reflectindo como poucos desde a súa aldea pontevedresa de Lantaño os oficios da Galicia rural”. Agradeceu tamén á familia de Manuel Pesqueira, que conserva a súa obra, “a oportunidade que nos brinda para coñecer traballos aínda descoñecidos”.

Francisco González explicou a importancia desta retrospectiva sinalando que “sempre está ben mirar cara atrás”. Así, ademais de organizar exposicións con artistas e obras actuais, “no Marcos Valcárcel tamén fixámonos no pasado para contextualizar a súa influencia no presente”.