O titular de Cultura do Goberno galego enmarcou esta xuntanza na capital francesa, na que estivo acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, nos “encontros claves” que está a manter na recta final do procedemento, en referencia á que mantivo semanas atrás en Madrid co ministro de Cultura, Ernest Urtasun. Neste caso, tal e como lembrou, para “coordinar conxuntamente actuacións para ofrecer o máximo impulso á candidatura”.
Deste xeito, considerou “clave” esta cita na Unesco, que inscribiu noutras que se desenvolverán neste semestre “antes da gran decisión que terá lugar na cidade coreana de Busán”. Por esta razón, López Campos incidiu na importancia de “preparar a conciencia e con rigorosidade unha consistente folla de ruta para os vindeiro meses”.

Pasos decisivos na recta final
“Estamos, de novo, perante pasos decisivos aos que nos enfrontamos coa tranquilidade e seguridade que dá contar cunha candidatura madura, sólida e arroupada non só polo Goberno central, senón por toda a comunidade, veciñanza, axentes locais e institucións da zona”, asegurou López Campos, quen tivo palabras de agradecemento para todos eles pola “total entrega e desde o primeiro momento” coa proposta Ribeira Sacra: Paisaxe da Auga.
Na reunión con estes representantes da Unesco, López Campos incidiulles en que candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga baséase nos atributos “excepcionais e únicos” deste territorio, que abranguen 26 concellos de Lugo e Ourense. Neste senso, subliñoulles en que se presenta unha paisaxe construída co uso da auga “dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”, argumentou.
Ao respecto, afondoulles en que a proposta se centra en atributos especiais para deixar constancia do seu carácter único, que van desde os canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval con muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga.
Por estes motivos, e pola “boas impresións cara á candidatura recibidas no proceso”, o representante do Goberno galego reiterou que a Xunta está confiada en que a Ribeira Sacra se faga co “merecido e honroso recoñecemento internacional”, ao tempo que se amosou “máis que satisfeito” co traballo realizado, ata o momento, polos técnicos do Goberno galego e o Ministerio de Cultura. “Un compromiso compartido que agradecemos sinceramente e que estamos convencidos de que se manterá nestes momentos decisivos”, concluíu.

