Galiciencia

Alumnado de toda Galicia pode participar no desafío científico “Atrévete coa ciberseguridade!”

Trátase de que os máis novos aprendan a facer un uso responsable, ético e seguro das novas tecnoloxías. O 20 de febreiro remata o prazo para inscribirse no primeiro reto desta iniciativa.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Alumnado de toda Galicia pode participar no desafío científico “Atrévete coa ciberseguridade!”
Alumnado de toda Galicia pode participar no desafío científico “Atrévete coa ciberseguridade!” | Onda Cero

Galiciencia, a maior feira científica da nosa comunidade, promovida desde 2006 polo Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-, dedica esta edición á “Ciberseguridade”. O certame diríxese ao alumnado de Primaria, Educación Especial, Secundaria, FP e Bacharelato; co fin de favorecer o talento innovador e emprendedor entre a mocidade. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía e Industria.

Ademais do concurso de proxectos, convócase o desafío científico “Atrévete coa ciberseguridade!”, para estudantes de 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia. Poderán adentrarse nesta aventura pequenos grupos de dous ou tres integrantes, a ser posible mixtos, de entre 10 e 18 anos.

Alumnado de toda Galicia pode participar no desafío científico “Atrévete coa ciberseguridade!”
Alumnado de toda Galicia pode participar no desafío científico “Atrévete coa ciberseguridade!” | onda cero

O desafío consta de dúas fases, unha online e outra presencial. Para poder superar a primeira fase online cómpre participar nos tres retos que se irán propoñendo ao longo dos vindeiros meses, todos eles vencellados coa ciberseguridade. O prazo de inscrición no primeiro reto, que deberá efectuarse a través da web atrevete.galiciencia.com, remata o 20 de febreiro.

Para chegar á fase final, que terá lugar durante a celebración de Galiciencia en maio, será imprescindible ter participado nos tres retos online. Nesta gran final presencial competirán os tres grupos mellor valorados de cada categoría: Primaria, Secundaria e 4º da ESO e Bacharelato.

Ao longo destes retos os equipos coñecerán os conceptos fundamentais da ciberseguridade, ao tempo que afondarán no uso responsable da tecnoloxía. Deberán resolver enigmas, superar probas técnicas e tomar decisións para poder avanzar. Porán a proba a súa lóxica, creatividade e pensamento computacional. O obxectivo non é só chegar á final, senón gozar do proceso, aprender xogando e descubrir como desenvolverse con criterio e de maneira ética e segura no mundo dixital.