sanidade

O BNG reclama á Xunta transparencia sobre o CIS Ourense

Presas cualifica que “vergonzoso” que a Xunta aínda non aclarara que vai facer co proxecto 6 anos despois de anuncialo e que teña que ser a veciñanza afectada quen reclame diálogo e solucións no lugar da administración.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Noa Presas
Noa Presas | onda cero

A deputada recorda que “hai un mes o BNG preguntou por esta cuestión ao Conselleiro de Sanidade e reclamou unha mesa de traballo de veciñanza, profesionais e administracións para atopar unha alternativa mais o goberno deu a calada e escusas de mal xestor como resposta”.

Para o BNG “é escandaloso que mentres Vigo, Lalín e Lugo xa teñen os seus CIS funcionando a pleno rendemento Ourense o O Carballiño sigan esperando tan sequera un proxecto viable” e cualificou de “escandalosa a neglixencia consciente da Xunta neste caso: sabían que reformar un edificio que non pode medrar ao ancho era un problema e seguiron prometéndoo, sabían que o proxecto tiña reparos técnicos e seguiron prometéndoo, xa sabían que estaba xudicializado desde 2024 e seguiron prometéndoo. Que agora se escuden na espera xudicial é unha tomadura de pelo porque ao mesmo tempo estamos vendo como a veciñanza pide diálogo e a Xunta mira para outro lado, nin buscan adaptar o proxecto nin unha localización alternativa, simplemente conxelan outro investimento para Ourense”.

A deputada recordou que “a Xunta prometeu no an 2020 un Centro Integral de Saúde sabendo que non tiña garantías e hai que recordar que o persoal sanitario implicado tanto de atención primaria como dos servizos hospitalarios opuxéronse ás propostas da Xunta para reorganizar os servizos entre o Centro de Especialidades, o Hospital e o Centro de Saúde do Couto”.

Presas pide á Xunta “rectificación co abandono de Ourense e que se comprometa a dialogar coa veciñanza e co persoal sanitario sobre cal debe ser a alternativa para o Centro Integral de Saúde e cal debe ser o futuro do Nóvoa Santos e dos servizos prestados”.